Opinión

Fastío global

Nunca entendín porque unha das mellores augas de Portugal, do Gerês -ou Xurés, para nós- se chama “Fastio”, cando esa palabra nos nosos dicionarios galego e lusos veñen designar o mesmo: repugnancia polo alimento, aborrecemento, tedio (nos do sur) e sensación de desagrado pola comida ou outra cousa, cansanzo, descontento por falta de interese ou atractivo de algo, no da RAG. Que vén ser o mesmo, máis ou menos, como o castelán “hastío” dúas palabras vellas, relacionadas co cultismo “fastidio”.

E si, estou preso dun certo fastío global e transversal. Non me acabo de encontrar cómodo no mundo como vai, aínda que teño claro que non vai saír do eixo e seguirá dando voltas ao seu redor e a redor do sol, con tripulación ou sen ela. Porque hoxe xa sabemos que as estrelas teñen unha vida finita, e o sol, como tal, tamén. E non parece que moita dúbida haxa en que nós acabaremos esta festa que chamamos vida humana desde o Australopitecus, antes de que o se apague o sol. E si. Son moitas as cousas que me desacougan hoxe. O de lonxe, tipo Ucraína, amólanme, pero como moito non podemos facer, debemos controlar as nosas erosións persoais sobre o tema. E moito me desacougan as próximas que, só aparentemente, son máis controlables. Cóntolles. Onte, por exemplo, fun ao super e vin un caixote grande que recollía doazóns dentro da campaña “Alimenta la amistad” co que o supermercado Gadis, colabora con 69 protectoras de animais... e torcín o bico. E non o fixen porque non me pareza ben que un apoie o que lle pete, como alimentar a gatos e cans famentos. Pero sinto un fastío enorme cando me contan que recadan cinco veces máis para mascotas que cando poñen os mesmos caixotes para recolleren alimentos para humanos. Si. Creo que hipertrofia da paixón mascotil é a outra cara da moeda dunha forma de covardía coa humanidade. E vénme á cabeza un debuxo de Castelao co texto “O home que comprou un can para ten en quen mandar”. Así, cando vexo unha parella moza con cans en vez de con nenos, intúo que as cousas non van ben. Ese fuxir da responsabilidade de manter a especie e, simplemente, un suicidio global. E un suicidio que tamén ten algo de egoísta en grao sumo. Todo para min. Nada para o que vén detrás, porque detrás non queda ninguén.

Cada un ten as súas necesidades afectivas, claro. E se un quere ter un can ou un gato, ou media ducia de cans e ducia e media de gatos, pois vale. Pero de aí a incluír aos irracionais “na familia” hai un cacho. Esas parvadas de “su hermano no humano”, ou “mi hijo no humano” demostran o que esvaramos e que perdidos andamos.

Cando unha barbaridade desprezable duns adolescentes imbéciles e descerebrados -esa gafualla do colexio maior de Madrid- se converte en máis obxecto de conversa que de puro desprezo, sinto fastío. Como cando vexo letreiros enormes de “Non á violencia de xénero” ou “Espazo libre de violencia de xénero”... E que hai alguén que estea a favor? Pero é que hai espazos nos que é toleramos ou permitimos esa violencia? Non á violencia de xénero, nin a ningunha outra. Nin a de pais contra fillos, nin a de fillos contra pais. Nin a de piquetes contra traballadores que queren ir traballar, nin o contrario. A min, que me gusta a vida tranquila, na que cada cidadán exerza firmemente as súas decisións e -folga, traballo, opinións- non podo menos que sentir fastío deste remuíño actual no que se tratan de esparexer culpas como quen axita un hisopo de augas podres. Un pouco menos de tensión e máis de sensatez, xuízo e seriedade. E sobre todo, un pouco máis de responsabilidade, en tempos avoltos. 

Te puede interesar