Opinión

Intelixencia artificial... e natural


Si. Estaría ben que viñese a Ourense a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) coa que o Goberno de España impulsa un mecanismo para a “supervisión e minimización de riscos e xerar un ecosistema de investigación e empresarial de Intelixencia Artificial”. E para iso, sigue dicindo o Goberno de España, o lugar onde se instale “debe contar cun forte ecosistema empresarial e de investigación sobre a IA, ademais de estar preparado para xerar e recibir talento técnico multidisciplinar, con coñecementos tanto nas novas tecnoloxías, os diferentes sistemas de IA e os seus modelos de supervisión, como nos campos da ética, as ciencias sociais e xurídicas”. 

Como saben, o Goberno abriu un prazo que remata o 7 de novembro, para que “as Administracións presenten candidaturas nas que poden ofrecer todos ou algún dos seguintes compromisos: cesións de bens inmobles, asunción de custes financeiros do traslado ou creación da sede e medidas de apoio ao persoal trasladado”.

Ben. Creo que estaría ben que fose designada Ourense e compráceme ver unidas vontades políticas e sociais tan dispersas e enfrontadas sempre. Pero sempre hai algún pero. O primeiro ten que ver co tema sistema de elección. Porque lida a declaración gobernamental máis parece unha poxa ca unha escolla equilibradora. E non. A verdade a min non me convence que coa desculpa da transparencia, o Goberno se dedique traspasar responsabilidades e enredar e pelexar cidades e territorios, ensinando o carameliño no anzó. “A ver, quen ten sede de sede?” “Eu, eu, eu”, din, de momento, e sen moito remexer, Granada, Alicante, Elche, León, Burgos, Xixón, Segovia, Santiago, Coruña e Ourense. E seguro que outra media ducia saíran deica alá.

Non sei que posibilidades terá Ourense. Non sería capaz de valorar méritos e proxectos. O que si sei é que aos enxeñeiros en IA que están traballando fóra -como a miña filla, por exemplo- non lles viría mal ter ese referente posible en Ourense, aínda que non lles vexa eu aos mozos moita vontade de arrimárense a unha cidade murcha. Dáme a impresión de que o Ourense activo, vivo, alegre e dinámico dos viños, da trasnoita ou actividades do Teatro Principal ou de expos no Marcos Valcárcel e do que gozan cando veñen, non ten correspondencia coa realidade socio-político-económica. Si. Esta intelixencia natural de arrimárense todos ao redor do anzó estaría ben que funcionase noutras moitas esferas, máis achegadas a nós, máis dentro da nosa capacidade de decisión e xestión, ou sexa, máis factibles. Pensemos no que poidamos facer nós desde nós, pois, como dicía Celso Emilio Ferreiro, nunca virá de fóra remedio ou esperanza.

Porque como a realidade sempre se pode ver desde distintas ópticas, nunha delas aparece un goberno municipal minúsculo e pintoresco e groseiro; unha cidade en picado demográfico cunha zona vella abandonada; unha cidade que non dá aberto a piscina das Burgas nin as termas da Chavasqueira nin reconstruído o seu edificio; unha cidade na que as obras se eternizan... como o Museo Arqueolóxico, ou abandonan... como o Centro de Interpretación do Miño, ou con edificios abandonados desde hai décadas... como o do Cárcere vello. Noutro plano, aparecen uns políticos con escaso proxecto de cidade que ven éxito en que se siga recollendo o lixo e saíndo auga polas billas nas casas. Ou, tamén, enrocados en proxeccións internacionais de fume de ouropel. Cidade esta na que as ocorrencias individuais substitúen ás iniciativas colectivas e técnicas, na que as improvisacións ou obxectivos momentáneos abafan a posibilidade de reflexión e de futuro. Veña, pois a Axencia de IA esa, pero sobre todo, unámonos e apliquemos a Intelixencia Natural en favor do noso nós colectivo.

Te puede interesar