Opinión

Neda Agha Soltan, Masha Amani e Olivia

O día 1 de agosto de 2009, neste mesmo xornal, escribinlles un artigo no que usaba como título un nome: “Neda Agha Soltan”. Esa moza que tiña daquela 27 anos e da que ninguén se lembra hoxe, foi asasinada por un garda da revolución iraní uns días antes, en Teherán, cando observaba co seu profesor de canto e piano unha manifestación contra o pucheirazo electoral. Eu remataba o artigo, hai 13 anos, cunha palabras que tamén valerían tristemente para hoxe. Dicía: “E sen querelo e ao seu pesar, converteuse nun símbolo. Beizón a Neda, casual mártir da liberdade. Amada polo pobo progresista de Irán e ignorada por este Occidente que ten pechados os ollos aos desexos de cambio dos iranís, por un miserable prato de lentellas. A única alianza é con Neda e os seus amigos, na civilización, na civilidade. Que a terra che sexa leve, Nediña, e que os teus teñan forza para gañar, pois estades sós. Nunca virá de fóra remedio ou esperanza”. Obviamente o da “única alianza con Nada e os seus amigos” ía pola proposta formulada uns meses antes da “alianza das civilizacións” de curto e inútil percorrido, proposta por un presidente do Goberno de España, con cuxo nome non quero esgallar a miña pluma.

Cando morreu Neda, a arestora asasinada por levar mal colocado o velo, Masha Amani ,tiña nove aniños. Pasou o tempo e moita vida, pero hai dúas cousas que se repiten en entrambas historias: o desexo de liberdade das mulleres e homes de Irán e a certeza do seu abandono por parte das sociedades occidentais. Ollo, non digo xa os gobernos, dos que espero pouco, e integrados, ás veces, por paniaguados do réxime dos ayatolas e como tales carentes da mínima vontade crítica máis alá dun postureo momentáneo cando as críticas arrecian. Falo da sociedade civil, organizada en grupos políticos, sociais, etc. Aféctanos a todos e todos debemos revolvernos. Pero boto de menos, especialmente, a mobilización feminista por un lado e a do conxunto LGTBI+, por outro. Por experiencia e afección a mobilizarse en causas que teñen que ver cos dereitos das persoas e a súa discriminación por causa de xénero, sexo, opción sexual ou como se diga esta tempada. Ah. E o terceiro nome, saben que era Olivia? Pois esa nena morta en Asturias a semana pasada porque a nai a prefería “antes muerta que sencilla”-mente, co pai. Esta, como as 12 nenas e nenos mortos por malas bestas de nais desde o ano 2019 fronte a 5 por parte duns malas bestas de pais, son case unha nota a pé de páxina porque non encaixan ben no discurso dos boísmo e malismo sexista. Triste a violencia innata e latente acochada na gorida máis ruín e animal do xénero humano. 

E polo que parece, o discurso de volver polas mulleres e homes de Irán non está de moda. Vexo o retroceso de Occidente, das nosa liberdades e miserias, e penso que moitas cousas se fixeron mal. Os profesores de Historia ensinábannos na Facultade que o mal historiador trata de axustar e amoldar a realidade pasada ao seu discurso preconcibido, en vez de buscar cal era a realidade sobre ela, construír algo próximo á historia, pois nunca a memoria pasou de pura facultade individual. Lembrar uns por outros non se pode facer, pois como a fame, ou a sede, as memorias son propias e intransferibles. E os historiadores deben usar todas as memorias e os documentos todos para construír as interpretacións do que pasou.

De facéreno futuros historiadores, dentro duns anos, poderiamos avergoñarnos do noso mirar para outro lado no asasinato de Masha Amani, como no de Neda ou no de Olivia, como os alemáns fixeron despois da II Guerra Mundial. 

Te puede interesar