Opinión

O Miño navegable

Vólvese falar do Miño navegable. Debe ser algo do que falan todas as xeracións desde os romanos. Estrabón, grego que viviu no cambio de era, dicía que o Miño era navegable 800 estadios (uns 150 km), o mesmo que o Douro. Por iso o arqueólogo alemán Schulten falaba das tres cidades servidas polo río: Tui no curso baixo, Ourense no medio e Lugo no alto. Sobre o caso de Lugo e a importancia que tivo a vía fluvial para a construción da muralla e a cidade falou o noso arqueólogo contemporáneo e limiau Antonio Rodríguez Colmenero. 

Por riba do dito por Estrabón, o máis coñecido é o memorial do crego ilustrado, catedrático de retórica da USC, Pedro Sánchez -Antonio, non confundir co outro- que dirixiu a Carlos III no que soñaba un río navegable con barcos que fixesen de Ourense nó de comunicacións e saída de produtos do centro de Galicia cara ao mundo. O certo é que, como diciamos, navegable xa o foi sempre. O que pasa é que non para transatlánticos tan ao gusto de Pacheco, que hoxe choutarían mal por riba duns embalses que nin teñen escalas para facilitárenllas as cousas ás anguías, troitas e salmóns, senón sería navegables para modestos barcos e barcazas desde sempre. En Ourense temos aínda a Ermida de Porto Vello -seguramente o primeiro porto romano, se cadra en relación co xacemento de Oira e de San Tomé- e augas abaixo da Ponte Vella, o Porto Auriense, moi vinculado á curia; e aínda máis abaixo, ao lado das termas do Muiño, o núcleo de O Porto, cun letreiro que chama a atención antes de entrarmos na autopista á altura de Quintela. Que haxa tres topónimos -dous vivos- que nos falen de portos nas proximidades da cidade, fala da importancia desta navegación antiga. Como o topónimo “Reza” e “Reza Vella” -de Retia, plural de “rede” en latín- nos fala da pesca no río Miño, unha actividade hoxe morta, da que daba boa conta o libro “Parroquia de Velle” de Xoaquín Lorenzo e Floro Cuevillas, de 1936. Os embalses e o cambio do mundo acabaron con esta pesca, como acabaron coas barcas de dúas dornas, e a artesanía das nasas todo ao longo do percorrido do río, todo con grande sabor romano. 

Porque a cidade de Ourense, certamente, ten unha relación difícil co Miño. Ámao, presume del... e témeo. Edificouse a un quilómetro e non foi ata esta xeración que o casarío de Ourense chegou ao seu pé. Tampouco lles pracía aos fundadores da cidade o río pequeno, pois asentouse nunha terraza por riba do Barbaña e non onda el. Podían, efectivamente, os romanos teren escollido facela a carón da Ponte Maior que fixeron para avantar por riba dela cara ao norte, onda o Porto Auriense, pero non o fixeron. 

En fin, sexa en boa hora se se poñen a funcionar eses barcos turísticos, para vermos o país desde unha perspectiva nova e en movemento. Que ben cómpre.

Te puede interesar