Opinión

Póñame un anticiclón, por favor

Os nomes das borrascas que nos viñeron alagando tantas semanas seguidas, pruíronme a curiosidade, furguei algo na rede e topei cousas simpaticas. Voulles contando e, se cadra, aínda abren a boca. De partida pensaba na discriminación masculina. A ver a santo de qué só tiñan nome de muller? Estarían as feministas máis repunantes -só esas- encabuxadas pola asociación negativa de muller e destrución, ou felices e risoñas pola vinculación de muller e forza incontrolable? En fin. Unha cousa ou a outra seguro. E navegando, navegando, desde a interesantísima web 4gotas.com que montou cuns colegas a lista e guapa meteoróloga ourensá Beatriz Hervella, cheguei a Alemaña.

E non fai falta que lles xure que alí mandan moito. Moitísimo. Non é que lles dea por fabricar as borrascas –que se se poñen a elo, fano- pero, miren que cousas, é alí onde as bautizan. Si señor. E quen o fai? Como, por que e para que? Pois cóntollo que non ten desperdicio e así vemos tamén o listos que son e a falla de complexos que teñen.


Resúlta que na Freie Universität Berlin teñen un Institut für Meteolorogie, que é o que se encarga alí deses temas, estudaron a situación. Os americanos do National Hurrican Center , dependente do National Weather Service, empezaron en 1950 a poñerlle nomes aos furacáns porque era máis fácil que andar con coordenadas de meridianos e paralelos, sobre todo con dous ao tempo sobre o mapa. Ao principio, disque por galantería, puxeron só nomes de muller. Andando o tempo, viñeron as protestas, e desde 1979 hai tamén varóns polo aire en listas cremalleira. Neste 2014 serán Arthuer, Berta, Cristobal, Dolly, Edouard, Fay, Gonzalo, Hanna... e se hai máis furacáns que letras, pois chámase o resto pola grega: Alfa, Beta, Gamma. Os nomes están collidos ata 2018. E os alemáns pensaron que eles podían desde o Institüt bautizar tamén as borrascas que viñan sobre Europa e, de paso, tamén os anticiclóns e aquí ven o sorprendente, facer algo de caixa para pagarlles aos bolseiros. Meu dito meu feito. Se escriben en Google “Adopt a Vortex” chegan directamente ao lugar adecuado. En fin, que apadriñar unha borrasca vén custando 236,81 euros, e un anticiclón, algo máis: 355,81 euros. E como hai ben máis borrascas e anticiclóns que furacáns, o abecedario dá varias voltas –como os números na consulta do Seguro-. Anímense que quedan libres para a segunda volta desde ano, Q, W e X. E cando non dan atraído paganinis, meten en ebay as iniciais libres. Pero hai moita demanda e últimamente cóbrese coas peticións directas. En fin, que a cousa, moi alemá ela, acaba co envío á persoa de quen colle o nome, un certificado completo de bautismo meteorolóxico, traxectorias, intensidades, etc. desde o “Institüt für Meteorologie” da Universität. Moita seriedade. Moitos son caprichos de namorados. E nas denominacións, tamén cumpren a lei de igualdade. Nos anos pares, as borrascas son femias e os anticiclóns machos, e nos impares, xusto o contrario. E non se poden poñer máis ca nomes ou alcumes propios, nunca apelidos, nomes comerciais, etc. En fin, estou desexando chegue David, o próximo anticiclón, comprado por un tal David Fuchs, empresario de sintasol da cidade termal alemá de Bad Salzuflen. E que está todo na rede, neste mundo tan complicado.

Te puede interesar