Opinión

Qvo Vadis, PSOE?

Sinceramente, ao PSOE téñolle cariño e aprecio; por iso, como a maioría da xente do meu tempo, incluído Alberto Núñez, téñoo votado nalgunha ocasión. O cariño, sentimental e humano, vénme, en primeiro lugar, da ilusión que o meu avó Tono tiña con Felipe González e cos socialistas nas primeiras eleccións da democracia e dos seus recordos de cando de novo, alá polos anos trinta, militaba na UGT da banca. Tamén lle teño cariño porque era o partido do meu tío avó Nemesio, mestre morto na guerra; figura mítica na familia. E cariño, tamén, polos amigos da idea que viñan visitar ao meu avó cando estaba enfermo, sobre todo Gerardo Sueiro, que non faltou un día. Pero tamén lle teño un fondo aprecio, e este é un sentimento político, polo importantísimo papel xogado na transición democrática. Daquela, lembremos, fomentou acordos e pactos que lograron a mudanza tranquila de réxime -que máis se podía pedir e desexar!- e foi premiado cun grande sorpaso a un Partido Comunista que liderara, sen dúbida, a oposición ao franquismo e que tamén se aveu aos felices acordos da transición. España non foi así unha especie de Italia bis, cun partido eurocomunista grande e un socialista pequeno. 

E lembro sobre todo con admiración, a aquel PSOE que soubo atraer e absorber a maior parte dos socialismos autóctonos dos pobos de España, e dentro deses, un grande segmento do galaico que intentara unha aventura solitaria sen querer articular ningunha forma de “contrato” co PSOE, como fixeran daquela, por exemplo, os cataláns. E lembro como en Galicia foi capaz de seducir, tamén, ao mellor da intelectualidade do país, para desde as tribunas a eles ofrecidas, contribuír á construción da democracia e autonomía. Si. Se un lembra a presenza na bancada socialista do Hórreo de Ramón Piñeiro, Carlos Casares -deputado por Ourense, por certo, en 1982-, Benxamín Casal ou Alfredo Conde, e este último tamén consellerio en San Caetano, non pode menos que sentir tristura do moito que veu a menos unha das máis amplas e históricas familias políticas de Galicia: os herdeiros, moitas veces, non saben xestionar os capitais que ergueron os predecesores. A imaxe hoxe non pode ser máis descorazonadora. Mediocridade. Líos e liortas. Grandes e pequenas. A todos os niveis. En España, en Galicia, en Ourense. Desde o feroz esgazamento -castigadísimo electoralmente- do grupo municipal da pasada lexislatura, a unhas nada disimuladas guerras políticas internas -listas, deputación, xestoras…- que, desde fóra, parecen estas rexidas polo sacrosanto principio de “sacate ti que me poño eu”. Alianzas volubles a sangue e voto. En fin, “líbrame dos amigos que dos inimigos xa me encargo eu”, seica dixo Voltaire e por algo sería. 

Resístome a pensar que o PSOE xa estea amortizado e esgotado e que sexa precisa unha nova esquerda sistémica en España. Pero para que sexa así, cómpre que reaccione, que se mire sen complexos, na auga limpa de épocas máis recentes e non en escuras historias de espellos rotos que acabaron mal, hai máis de setenta anos. Sería moi bo para a democracia, moi bo para o país, e simplemente imprescindible para súa supervivencia. Creo. 

Te puede interesar