Opinión

O renacemento da cidade

O futuro son todas as horas que o reloxo aínda non marcou. Só nos tempos pasados hai modelos posibles, porque o que está por vir non nos pode ensinar nada. O que pasou ou está pasando, énos o referente, positivo ou negativo da construción do porvir. E a esa mochila de vivencias, sopesadas coa preparación, sensibilidade e capacidade de cada cun, chamámoslle experiencia, a pericia do experto para pensar o futuro. 

Entre os séculos XV e XVI, no Renacemento, pousaron os ollos no mundo clásico, romano e grego, para superar as tebras da Idade Media e construír un novo período de gloria. Para iso rebuscaron a sabedoría arquitectónica e artística que ecoara nalgúns puntos da Lombardía e a reflexión sobre o ser humano que acochaban as bibliotecas dos mosterios. Por iso é unha boa noticia que Manuel Cabezas e Francisco Rodríguez, dous expertos, dous señores, -de seniors, maiores, nesta cidade de maiores, pero tamén de educados, nesta cidade de xente educada- dean este paso adiante. Si, ambos deberán rebuscar entre os restos das vellas sabedorías éticas e estéticas do pasado da cidade a ilusión e compromiso que cómpren para o futuro. Di o tango que vinte anos non son nada. Mentira. Incluso dez anos -o transcorrido desde a indigna actuación da xuíza De Lara- son moito. E pasou o que pasou. Moitas oportunidades perdidas. Moitas pexas nos avances. Hoxe o ambiente político, debedor dos tempos do insulto fácil, do tuiterismo irresponsable, non axuda. Pero ambos exalcaldes saben ben que a xestión dunha cidade versa sobre o respecto, o servizo, o orgullo e o esforzo na felicidade dos cidadáns; algo ben distinto da gargallada choqueira ou da diversión ramplona. E versa sobre a confluencia frecuente co adversario, a creación de bo espírito de traballo entre o funcionariado, a ilusión, responsabilidade e acción dos concelleiros, e a neutralización dos inimigos. Non é fácil. Pero estes dous servidores públicos que pasaron cadanseu calvario mediático, saben moito das forzas perdidas en inútiles e estériles debates, e do mal que pode facer un aire polas costas, pois xa se sabe, que na política os adversarios só están enfronte; detrás, hai o que hai. E saben ambos que é preferible mirar polo parabrisas do futuro que polo retrovisor do pasado. Deben ambos rodearse de xentes capaces, sen odios nin iras, sen feridas abertas nin vontade de abrilas, que saiban usar a lingua para argumentar, discrepar, disentir, discutir, non para insultar o ferir. Xentes que saiban quererse, tamén, polo amor da cidade. Supoño que ambos, ante de daren o paso de deixar a comodidade das súas vidas actuais para esforzárense en que a cidade recupere a súa integridade, dignidade e impulso modernizador, garantirían a eliminación de tutelas e tutías sobre a súa actuación, porque, non nos enganemos, chamalos a eles, é un recoñecemento de que ambos, PP e PSOE, fracasaron nestes anos. Non dar xerado liderados de recambio e ter que recorrer a esas lembranzas adozadas polo filtro xeneroso da memoria, é triste, pero non casual nin inocente. En fin, é ben fácil, recoñézoo, falar desde a grada. Pero tamén se ten unha perspectiva mellor do partido, aínda sen coñecer o dito nos vestiarios nin o nerviosismo dos banquiños. E si, hoxe toca o renacemento. O fío modernizador da cidade comezado por Veiga e seguido por Cabezas e Rodríguez, debe retomarse. Certo que Jácome está enchendo a cidade de obras, algunhas acertos, outras cuestionables, e que ten unha grande ousadía na toma de decisións, pero tamén somos conscientes do ridículo institucional no que estamos instalados, da acedume esperpéntica da súa actuación e do devecer da cidade. O concello non pode ser o vestiario dunha compañía de teatro afeccionada.

Lembren Manuel Cabezas e Francisco Rodríguez que acordo quere dicir pór os corazóns en común. 

Te puede interesar