Opinión

Viva o Pingallo

O planeta xira ao redor do seu eixo e Galicia xira ao redor da mesa. Se lle preguntas a un turista ou viaxeiro que cae por aquí, que que lle parece este sitio, axiña che di que as paisaxes son preciosas e que se come moi ben. E non hai que lle facer. Ou si. Para empezar, coidar das paisaxes e coidar da comida, porque, pensándoo ben, non é mala cousa ser coñecidos por estas dúas historias: unha natural, que vén de seu, da formación do mundo mundial, do que nos cadrou no universo, e outra dunha das cousas que soubemos facer ben neste cacho de mundo: cultivar, pescar, criar, apañar e cociñar. Si. Vivir nun sitio bonito e que se come ben é ben mellor que vivir nun sito feo que se coma mal. Non hai que explicalo moito. Se cadra por esas cousas, o himno galego –horroroso, por certo- fala de costas verdes, de piñeiros que zoan como arpas á luz da lúa, en fin, paisaxes idílicas; e sempre que imos festexar algo, antes que nada, antes que en baile ou palmas, o que nos vén á cabeza é facer unha comida. Ou unha cea. Ou unha comida que se prolongue case ata a hora da cea. Ou a cea que chegue case ata a mañá. Xa me entenden.

En fin, que Blanco Amor viaxa desde Arxentina a España en 1958, pagado polo Centro Galego do que era presidente José Villamarín, irmán de Benito Villamarín, e falou en Sevilla -que diría?- no cincuentenario do Betis, recén ascendido a primeira división. E veu logo, claro, a Ourense a reencontrarse cos amigos. Co seu mestre Risco, que tiña pinta de comer pouco, hai unha foto no Parque de San Lázaro. E hai outra foto famosa nun punto de encontro sobrio, tranquilo e elegante: o Pingallo. Nela están amigos que se xuntan para escoitar a palabra de Eduardo, intercambiaren saudades e lembranzas sobre as Galicias de ambas beiras do Atántico, e gozaren ao redor da mesa das viandas da Terra. Alí están Faílde, Antón Risco, Carlos Vázquez, Arturo Baltar, Tomás Bóveda, Julio Losada, Antón Tovar, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Afonso Vázquez Monjardín (meu avó), Manolo Prego, J. López Cid e Paco Nogueiras. Algúns deles, por sorte vivos, aínda nos poden contar da ocasión.

E téñolles eu que dicir que estou feliz de que o Pingallo renaza, resucite. De que volva ver a luz despois dun lento solpor. Como a natureza mesma. E espero por eles, polos novos capitáns e tripulación de cociña e empresa, pero tamén por todos nós, o máximo éxito. Por eles, porque é de boa xente -e querería selo- alegrarse co éxito dos demais. E por todos nós, porque o Pingallo que agora revive é un fío importante desa memoria que nos dá personalidade de noso, como cidade. Si. Outros solpores deron noites sen amencer. Ourense sen o xelado de mantecado da Ibense, sen os pasteis da Ramos, sen o San Miguel dos seus mellores tempos, sen o Carroleiro carnívoro e de cocido, sen o amable Zarampallo de cociña caseira e eficaz, é un pouco menos o Ourense “de sempre”. O mundo xira e as mesas móvense.

Por iso a reapertura do Pingallo, mantendo o nome e con el a historia e os ecos daquelas sobremesas falangueiras e satisfeitas de que alí gozaron tantas xeracións, compráceme sentila como un símbolo do renacer primaveral de tempos e pulos novos cociñados sobre cama de enxebres raíces vellas. Que aproveite.

Te puede interesar