Opinión

Aquelas augas, estes lodos e os pillabáns

Se o digo eu non vale e, o que aínda é peor, de facelo estaría pecando de plaxiario, así que imos recorrer á fonte que non é outra, neste caso, que o inefable Georg Christoph Lichtenberg, profesor universitario de Física na Alemaña do século XVIII, descubridor das dende entón chamadas figuras de Lichtenberg, amigo da sátira aceda e corrosiva na maior medida do posible, mesmo do prudente, autor dun libro de aforismos que me da a min moito xogo á hora de lles contar a vostedes cousas que os entreteñan por non dicir que non os aburran ata lindes indesexables. Por iso, citada que foi xa a fonte, vou reproducir un dos seus aforismos, escrito que foi alá polos anos 1775 ou 1776, ónde vai a data. Di así: “Nós coñecemos ós nosos pillabáns moito millor que eles ós nosos sabios”.

Vivimos días asañados, deso non cabe a menor dúbida, nos que non todo, pero si moitas cousas, teñen virado tanto que non as recoñece nin quen as inventou. Lembran vostedes aqueles días nos que se podía acusar a Adolfo Suárez de ter pedido que lle resumiran nun folio “Cen anos de soidade”? Todos tragamos con elo. Eran tempos, os primeiros e ilusionantes desta hoxe algo deteriorada democracia nosa. Tempos que permitiron que o infundio fose caíndo polo seu propio peso. Logo viñeron máis, certos uns, falsos outros.

Ministra houbo, pizpireta e algo revieja ela, que saudou a presenza da gran escritora Sara Mago e conselleiro houbo que se amosou disposto a escoitar á gran cantante galega Carmiña Burana. A algúns deses autores, pasado o tempo, puidemos recoñecelos coma solventes pillabáns ó tempo que eles nos demostraban non coñecer e polo tanto non recoñecer ós sabios máis sabios de entre todos aqueles que se podían considerar como os seus gobernados. Lichtenberg tiña razón, que lle imos facer.

Terá isto algo que ver coa ausencia, cada vez máis significativa, do estudio das Humanidades no Bacharelato? Vostedes dirán. O outro día souben das multitudes que congrega un cantante marroquí que adoita rimar ós seus trinos nun “a” que sube a baixa de ton e non sei se tamén de tesitura pero sempre a golpe de caixa de ritmos. Non puiden evitar que esas multitudes de antes se congregaban, con igual dereito e xustificación ca estas de hoxe, pra escoitar a Serrat, ou a Raimón, a Sabina ou a Ibáñez, tamén a Perales, mentres estes cantaban ós nosos grandes poetas dicíndonos cousas que todos entendíamos e os futuros pillabáns ignoraban. A pregunta é, por se algún lector se empeña en respondela, como daquelas augas proceden estes lodos. Algunha procedencia terán que ter. Como ha ser entón a lameira do futuro se estes versificadores actuais son os “herdeiros” dos nosos grandes clásicos do advenimento da democracia. E aínda algo peor, se seguimos a mesma senda que deica hoxe, como han ser os pillabáns que pululen polos partidos deteriorándoos e empobrecéndonos?

Te puede interesar