Opinión

A praza pública de dereita e esquerda

O pasado 23 F, que foi cando escribín o que segue, era un bo día pra reflexionar encol do que estabamos vendo. Refírome ós militantes do PP, aqueles máis fieis a Casado, ós que viamos abandonando o barco a toda presa, mentres a xente de a pe (non confundir coa de AP, que xa non existe; ou si?) contemplabamos todo facéndoo entre a compracencia e a tristeza.

Sei que é moi aventurado escribir algo que, referíndose á actualidade máis inmediata, poida interesar minimamente quince días despois; pero a defenestración de Casado, que non ten moito que ver coa de Parga (ou si?) si é relacionable, ou se o prefiren, parangonable, coa acontecida naqueles outros días nos que o PSOE enviou a Pedro Sánchez ó ostracismo e aínda con aqueles outros máis e máis recentes nos que, os antigos dirixentes socialistas, botaron de todo menos flores enriba da figura do actual presidente do goberno, tecedor do cesto executivo cos vimbios que lle deparou a historia e non con outros.

Así son as cousas no tocante á política interna, a que atinxe ó oficialmente coñecido como Reino de España. Sucede que na exterior a cousa non millora. A oposición en vez de apoiar ou cando menos non criticar a política de exteriores do goberno de todos, desautorízaa e critícaa cun ímpetu digno de menor e menos ruín causa. E que leva sucedido con respecto á política antiterrorista? pois que mutatis mutandis veu sucedendo o mesmo, só que agora uns e outros desneutralizaron -poderei dicilo así?- a dereita extrema e a extrema esquerda e axiña imos estar en disposición de ver no goberno a uns ou a outros. Que pasa eiquí?

A lei que rexe os partidos é a mesma, a estrutura destes é idéntica, as escolas de verao son similares, os fontaneiros duns e doutros dispoñen das mesmas ferramentas, actúan sobre circunscricións obsoletas como son as provincias e envían a elas como candidatos a unha inmensa maioría de deputados dispostos a defender os intereses do partido (de temerse que non o vaian facer así, non van ser convocados ás urnas) antes que os xenerais dos cidadáns. Que se pode esperar así? Con eses vimbios o cesto vai deixar baleirar un contido tan líquido ou cando menos tan deslicuescente que axiña vai absorver a humidade ambiente, a que reina no aparato partidario, pra se disolver nela e deixar que veñan os días e traian o pan con eles.

Non hai proxectos de país. O que hai son uns proxectos de ocupación do poder que se van sucedendo os uns ós outros dun xeito que se diría inconsciente por non o cualificar de suicida. Hai plans sectoriais de xeito que a esquerda corrixe os excesos da dereita e a dereita, cando lle toca, corrixe os excesos da esquerda; xa se sabe, máis impostos, menos impostos, por exemplo; máis sanidade privada ou máis sanidade pública, máis ensino público e máis potenciación do ensino privado, e, así, de rolo vai, rolo ven, costa abaixo e sen preo ningún.

O problema é estrutural. Os inicios democráticos requiriron unha híper protección ós recen nacidos partidos políticos, millor dito, ós partidos recen nacidos á legalidade democrática, chegados, uns, dende a clandestinidade e, outros, dende un réxime totalitario de partido único; é dicir, carentes uns e outros de práctica democrática. Había que dotalos da fortaleza facilitando a creación de hábitos dos que carecían. A Constitución así o estableceu e facilitou.

Foi doado nun comezo. E ilusionante. Os que viñan da clandestinidade estaban afeitos a defender intereses colectivos, nunca persoais, e os procedentes das filas do réxime extinto cheos de conviccións e de esperanzas xurdidas da consideración de que o pasado non era sostible durante moito máis tempo e había que se incorporar axiña ó mundo democrático; ou sexa, dispostos a construír unha realidade baseada nun proxecto no que colleran todos.

Agora estamos noutro momento no que volve ser necesaria a conxunción duns e doutros prá elaboración dun proxecto colectiva no que caibamos todos. Non se trata de abolir a Constitución pero si de introducir nela os cambios, as emendas que a nova realidade reclama. So así sobrevivirá.

Se a política non é cuestión de negociacións e pactos que é? Cuestión de paus e tentetesos? Esquerda e dereita, dereita e esquerda, non teñen porque ser realidades irreconciliables e por enriba dos intereses que delimitan o territorio dunha e doutra, ten que haber, ten que existir un lugar de encontro, unha praza pública na que todos convivamos.

Non nos debe atemorizar a posibilidade dun goberno de coalición entre os dous grandes partidos sistémicos debidamente esporeados por outros situados a ambos lados deles dous. Alguén tan pouco sospeitosos de esquerdismo ou de falta de patriotismo españolista como foi Fraga Iribarne afirmou repetidamente que a actual Constitución do 1978 fracasaría pola mesma razón que fracasaron tódalas anteriores: por non proceder á reforma do Senado converténdoo nunha cámara de representación territorial.

Velaí, xa que logo, por onde poder comezar a traballar un goberno de coalición pra logo continuar coa reforma da lei que regula as actividades dos partidos, a súa financiación, seguir logo coa da lei electoral e ir, pouco a pouco, elaborando a serie de reformas que nos reembarquen a todos de novo na ilusión , pero non sen nos convencer antes e tamén a todos de que os estados perfectos non existen e que do que se trata é da persecución constante do benestar do conxunto da cidadanía. Se non é así mal imos andar, mal seguiremos andando como xa o levamos facendo dende hai xa demasiado tempo, consentindo que os deputados defendan os intereses dos seus partidos, maiormente interesados na súa permanencia ou no seu ascenso ó poder, alternativamente, pero non no ben común, tan necesario.

Te puede interesar