Opinión

Titulares "de Madrid"

Aí atrás, é dicir, hai uns días, un xornal madrileño -o que case é unha definición, pois tan afeitos están a contemplar o mundo dende alí confundíndoo co seu embigo- tivo a feliz ocorrencia de titular, en primeira plana, que "Chivite contenta al nacionalismo con consejeros radicales".

Enriba dese titular, nese a modo de frontispicio que ven sendo a cabeceira dun xornal, ese mesmo medio adoita enxertar unha máxima, cita ou retrúcano que teña que ver co que considera que ese día constitúe a cerna da actualidade. A correspondente ó día do titular recén citado éralles a seguinte: "El nacionalismo es el hambre de poder templada por el autoengaño". Tal e categórica afirmación ven asinada por George Orwell, feito que se podería confundir, moi doadamente, co argumento de autoridade que fai boa unha verdade según sexa quen a pronuncie; ou sexa, máis certa, canta máis autoridade se lle conceda ou recoñeza ó afirmante. Os libros de Historia adoitan explicar que tal tipo de argumentación foi varrida pola Ilustración e que, dende aquela, é considerada obsoleta e impropia dos nosos tempos. Ben se ve que non é así.

Estabamos xa afeitos a saber, nos debates celebrados nas tertulias televisadas e a sabelo con certa anticipación, o que ía dicir cada un dos contertulios según o tema do que se tratase. E así tamén as versións e interpretacións que cada un deles ía propalar según as súas posicións e tendencias o que, por resumir e acabar pronto, resultaba un coñazo e acabou por conseguir que as audiencias fosen devecendo como deveceron e han continuar facéndoo. Tan previsible empezou a selo todo. Os acenos de conmiseración de Maruhenda, o sorriso de autocomplacencia de Eduardo Inda, fixéronsenos habituais e confirmábanos o que deseguido escoitariamos. Vestringe e Monedero, por outra banda, amosáronsenos hai tempo tan previsibles  como os acabados de citar. O que se dicía, un coñazo; dito sexa así pra evitar cualificacións máis enxundiosas.

Xa estabamos tan afeitos a este tan previsible tipo de  intervencións, tanto, que acabamos renunciando a contemplalas recorrendo á lectura da prensa escrita dispostos a ler nos seus artigos as diferentes posturas defendidas desde un lado e outro, pero agora de xeito máis reflexivo e ecuánime, tanto dun lado como de outro pois, dun lado e doutro, hai xente abonda como pra que a lectura serea e repousada, consecuencia dunha redacción feita dende esas mesmas coordenadas, sexa non so posible senón mesmo real. So se así sucedes pode o lector reflexionar encol de posicións contrarias e ir aceptando algunhas delas.

Os últimos titulares de non poucos xornais "de Madrid" non presaxian nada bo. Andan a iniciar, se é que non o iniciaron xa, un camiño parello ó das televisións. Neles, nos xornais madrileños, amosase certo criticismo co nacionalismo radical periférico e certa compracencia, cando non certa indolencia, á hora de contemplar o central. A fame de poder dun partido de esquerdas non é menor que a mesma fame sentida  por un partido de dereitas, amén de que as dúas sexan lexítimas e necesarias e que o criticable sexan a bulimia e a voracidade porque non hai noticias de que se deba contemplar unha anorexia en ningún deles. 

O nacionalismo autoengánase tanto e tantas veces que, estes mesmos titulares, ignoran ¿de xeito deliberado? que esa radicalidade recoñecible nos periféricos é igualmente atribuíble  e reprobable nos radicais de extrema dereita que xa forman parte de tantos gobernos españois, pois españois son os gobernos autonómicos e parte son igualmente da gobernación do Estado. A España Autonómica non rompe coa unidade de España: establécea doutro e máis acorde xeito. E tan herdeiros de terroristas son uns coma outros, cunha diferenza, uns a exerceron dende a que se pode considerar violencia de Estado e outros a pesares dela. Sen embargo ese non é o caso que nos preocupa. Tan anticonstitucional é un independentista coma un antiautonomista, tan radical é quen o exerce dende a esquerda coma quen o fai dende a dereita, e viceversa. O problema é como e por qué se chega a elo de xeito que, en total, seis millóns de cidadáns apoien a estes e a aqueles. E ese problema non o toca a prensa "de Madrid".

O problema é que a prensa empeza a ser tan previsible como hai tempo que o son os debates televisivos, que os articulistas empecen a ser igualmente previsibles e que xa saibamos o que imos ler sen máis que saibamos de que vai o tema cotiá que van enxuiciar de seguido. Estamos empezando a vivir con certa intensidade tempos nos que priman os sentimentos e mailas emocións debidamente axitadas, facéndoo s máis furtadas. O nacionalismo é un sentimento e o nacionalismo español non é menos reprobable que calquera outro nacionalismo periférico agás que pretendamos que todos resulten plausibles. E a Historia di que non é así. O autoengano, cando é xeneralizado, non conduce a ningún sitio no que pague a pena permanecer nel. Quizás os partidos actuais deberan regular tanto apetito como manifestan e a prensa corifea, que a hai, vaia se a hai, debera moderar o seu pantagruélico afán informativo. O que é bo pra FOX News, non ten por que selo prós EE.UU., "dígao Agamenón ou dígao o seu porqueiro".

Te puede interesar