Opinión

Benquerido Alfonso

Se cadra debería chamarche "Fonsito", como dicían as xentes ó se referiren a ti, cando menos polos "outos outeiros" das túas terras de Bande e polas veigas máis mansiñas das miñas de Celanova. Pero, por unha cuestión de distancia biolóxica e de respecto coa túa memoria, loxicamente non me atrevo.

Deixémolo, logo entón, en Alfonso, para quedarmos a medio camiño entre o exceso de confianza e "don" que coido que non axudabas a cultivar e que tampouco eu contigo utilizaba cando tiñamos ocasión de botarmos algunha parrafada na Praza Maior sobre as túas querencias fraternais con Celso Emilio (tan ben acuñadas nese poema manuscrito que teu fillo custodia con tanto agarimo e que di aquilo de "Alá enriba está Bande/ coma unha estampa antiga/ pendurada do aire...") ou, no seu caso, sobre as habelencias infantís do teu tío Faustino, aquelas que lle concederon o privilexio de aprender a tocar "pechado" a gaita co "afamado gaiteiro de Penalta" e ó mesmo tempo remedar un vello sistema de comunicación a distancia cunha simple sabana branca pendurada, precisamente, da propia "pena alta".

Segundo recollía onte este mesmo xornal que con tanta fidelidade seguías, nantronte o teu fillo -como non podía ser doutro xeito nun intre tan transcendente para a súa notable biografía- fixo referencia emocionada a ti e á túa bonhomía no breve discurso de investidura que lle tocou facer como novo presidente do Parlamento de Galicia. Fixo referencia a iso e ó disgusto que seica che deu o día que te informou de que ía dar un salto cualitativo dende a xestión sanitaria á que tiña dedicado ata entón a súa vida e na que tiña forxado unha traxectoria de prestixio, á vida política, onde -ó teu dicir- seica só lle habían cantar os defectos e transformar, pola contra, en transparencias as moitas virtudes persoais e profesionais que ti sabías de abondo que tiña.

"Non te metas en política..!", estou vendo que lle repetirías por activa e por pasiva, "que a política é moi porca e ninguén sae dela sen que lle chegue a m. á rodilla".

Pero, como el mesmo tamén dixo, non che fixo caso e nantronte proclamou ós catro ventos, sen rubor -nos tempos que corren- e para quen quixo oílo, que "ninguén lle ten tanto cariño ó Parlamento de Galicia" coma el. E non me estraña, porque non hai ninguén de entre as xentes que camiñan polo ámbito da política e polos arrabaldos da mesma, que teña tan inoculado en vea o perfil da "cousa pública" coma el. Ou, polo menos eu non os coñezo.

Por iso decidín escribirche esta carta etérea, porque se a bioloxía fose algo máis lonxeva seguro que, malia todo, nantronte estarías acompañándoo, fachendoso, no "galiñeiro" do Parlamento e arrepentíndote un chisco daquel consello paternal. Porque estarías comprobando a falta que lle fan nestes intres á política xentes nobres, boas e xenerosas coma el, que se engrandecen aínda cando os focos da "cousa pública" os volven transparentes.

Te puede interesar