Opinión

Catro letras

Estaba hoxe (onte, para vostede) programado para gravar con cicel nesta columna unha manchea de interrogantes que abriron en canal dentro de min os ata o de agora concidadáns británicos (por iso de sermos máis exactos na linguaxe, case debería escribir "vellos ingleses") coa súa tan traumática decisión, pero por máis que intentei levar por ese rego a escritura, o meu maxín estaba chantado en catro letras que, curiosamente, tamén teñen moito que ver coa crónica negra dunha Europa que, ó ritmo que imos, non sei se algún día seremos quen de construír.

¡N-a-z-i! Velaí os catro grafemas que con frecuencia intermitente e brillo de luces de neón, acendían e apagaban diante dos meus ollos mentres trataba de reconstruír mentalmente a escena que tivo lugar nantronte pola tardiña no centro da Praza Maior capitalina e da que foi víctima o alcalde, Jesús Vázquez.

Cando acontecen sucesos deste tipo, se cadra por influencia da lóxica como materia de aprendizaxe na miña formación, a xeito de resolvedor de problemas de cálculo infinitesimal sempre trato de fixar a atención no instante previo e, unha vez convenientemente ampliado como acontece con esas cámaras chamadas "super lentas", procuro ver o que se mantén alleo a unha mirada sen pretensión.

Por iso tratei de preguntarme qué demo lle ten que pasar pola cabeza a unha persoa -sexa ou non autente- para agardar pacientemente por outra, seguir os seus pasos, procurar o encontro e en plena rúa e a plena luz do día espetarlle "¡nazi! e logo patealo no bandullo, coma se fose un balón.

Qué ou quén e con qué tipo de veleno foi alimentada a xenreira desa persoa como para facer algo tan absurdo como incomprensible ó mesmo tempo, pero tan grave, sen embargo, como é o simple feito de agredir a un igual sen ningunha razón aparente e, sobre todo, a traizón?

Saberá o agresor -pregunto- que é o que significa "nazi"? Ou, simplemente berrouno porque llo ten escoitado ós seus referentes no fragor da liorta na que leva anos enzoufada a política española e mesmo a política municipal, en semellante dimensión?

Fose, pois, un episodio aillado ou non, o caso é que Jesús Vázquez obrou, unha vez máis, co plausible sentidiño co que adoita camiñar a peito descuberto de sol a sol e que por desgracia ten sido tan afastado da política dende que "todo vale" con tal de esnaquizar, xa non digamos ó rival ou adversario, senón ó opositor.

E non me vale iso tan manido de "é que era un borracho, un tolo ou un drogadicto". Porque non!

Te puede interesar