Opinión

Cousas por facer...

Unha crónica apurada levoume o pasado sábado, máis ca escribir un artigo, a reproducir nel -como considerei de xustiza- unhas palabras pronunciadas no verán por Xosé Neira Vilas e que ó meu ver non foran reproducidas na súa integridade na prensa galega. Foi, ese, o meu xeito de homenaxe a unha persoa á que sempre lle gardarei afecto, máis alá da admiración ó escritor universal que era e que todos admirabamos, ó incansable xestor cultural que de cando en vez, dende o seu "curruncho" de Gres, facía soar o teléfono ás oito da mañá "porque aínda me quedan moitas cousas por facer na vida e hai que aproveitar o tempo".

Unha delas, que lle ocupou parte dos últimos anos foi a publicación dun fermoso libro-disco que o conectou unha vez máis con Celanova.

Sabido é que polas veas da súa amada Anisia Miranda corría sangue celanovés, das terras de Ansemil (Teresa Fernández del Río nacera no Feal) por parte materna e dos montes de Verea (Faustino Miranda Araújo vira a luz en Portela) por parte paterna.

Fose por esa circunstancia matricial ou por simple curiosidade, o caso foi que no ano verán de 1956, Neira Vilas coincidiu en Buenos Aires, no marco do Primeiro Congreso da Emigración Galega, cun tal Gervasio Vázquez, tenor e compositor, que participaba no mesmo congreso en representación da sociedade galega de Montevideo.

Pois ben, o tal Gervasio Vázquez era tamén orixinario de Ansemil, no seu caso da Lama, e dalí xurdiu unha relación entre ámbolos dous que levou a Neira Vilas a compoñer doce poemas que Gervasio musicou e e finalmente estreou nun concerto no Ateneo de Montevideo, o 30 de maio de 1960, pero que nunca cobrarían forma de disco.

Este disco chegou hai agora un ano (estreouse polo Nadal no concello do Pino) en forma -como digo- de libro-disco, coa voz do tenor Cesáreo Torres e a música do pianista Alejo Amoedo e co compromiso adquirido de presentalo nalgún intre en Celanova como homenaxe póstuma que Neira Vilas lle quería facer a un Gervasio Vázquez que como tantos outros emigrantes, nunca volveu poñer os pés en Celanova.

Pero a vida é así de caprichosa e agora xa terá que ser como homenaxe póstuma a ámbolos dous. Mellor dito ós catro, pois igual que Anisia e o propio Gervasio, tamén a súa muller Cristalina Lorenzo, era oriunda da terra media de Ansemil, entre Celanova e Verea.

Te puede interesar