Opinión

E por que non con emigrantes ourensáns?

Ó fío da chegada da delegación comercial norteamericana á nosa provincia, antóllaseme a min algo que con toda seguridade xa se lle terá ocorrido tamén a maxíns mellor pensantes cós que corren polos meus miolos e ben máis coñecedores da realidade comercial daquel inmenso país, como poden ser os organizadores do evento ou mesmo o propio presidente da Deputación ourensá.

Por cuestións que non veñen a conto, pero que un amigo e bo lector meu podería relatar con abondosa profusión, coñezo con certo tino o periplo comercial que dende hai aproximadamente dous anos está a realizar a principal aceiteira da nosa provincia no labirinto comercial de Nueva York.

Sei, así mesmo -porque así mo contaron algúns dos protagonistas de acolá-, que non é nada fácil aprender a moverse sen machete polas pólas das frondosas árbores simbólicas daquela amazonía de cemento, ferro, asfalto e cristal. Sobre todo, se un chega alí coma un paracaidista que pensa coñecer o panorama, simplemente porque o viu en ducias e ducias de películas ou nalgúns documentais do canal "Viajar".

Velaí a razón pola que, cando a familia Canal decidiu abrir mercado en tan complicado solar e enviou para elo a un dos seus efectivos, o primeiro que fixo con sentidiño foi establecer contacto coa colonia ourensá que tantos anos leva aprendendo os atallos e os atadallos, os segredos e os costumes que presiden aquela tribo tan idealizada como perigosa -por caníbal- se non aprendes -coma eles- a houbear.

E este vieiro do que falo de forma xenérica para o sector da oliva, tamén son sabedor de que o levan percorrendo dende hai anos os viñateiros do Ribeiro, logo continuados polos das outras denominacións de orixe, ata que unha adega da Ribeira Sacra chegou, un bo día, mesmo á mesa presidencial do todopoderoso Obama e a piques estivemos de converter o evento en festa nacional. É certo, para que non sexa todo de cor de rosa, que a aterraxe na outra beira do océano parte cun problema de calado para sermos quen de asentar mercado, non só na cosmopolita Manhattan, senón no resto da "pérfida Yankee", que diría Curros Enríquez. Pero diso tamén saben abondo os nosos emigrantes, que chegaron primeiro ás minas de Virxinia occidental, logo á construcción e ás estibas de peirao de Newark e finalmente ós restaurantes de “comida española” das longas e largas avenidas paralelas da Gran Mazá.

Por todo isto -e sen preguntar- foi polo que botei en falla unha representación empresarial dos que aínda hoxe falan "galenglish" naquela inmensa cidade. Razón pola que creo que non sería mala idea -en segunda edición- organizar o mesmo pero con empresarios emigrantes ourensáns. E non só dos EEUU, senón dos cinco continentes, que todos sabemos que os hai.

Te puede interesar