Opinión

Ourensáns que non son de Ourense

Se isto pretendese ser unha haxiografía, é posible que comezase tratando de lembrar -cousa que non alcanzo a facer visible- cando e en qué lugar nos coñecemos. Pero, como non se trata diso porque ningunha comisión vai tratar de facelo santo -nin el mesmo se deixaría-, si tratarei de amosar algúns aspectos salientables da súa ourensanía, porque por máis que algunha xente -incluso un bo fato deles, ourensáns (onte ensináronme a unha) - pretenda facer caricatura, dela, a ourensanía existe, malia ó seu pesar, e aniña no noso xeito singular de sermos galegos, por máis que -como digo- algúns reneguen dela, como outros renegan da súa galeguidade..., ata que pisan o angazo e o mango lle zarabate nos fuciños.

Chámase Xosé González Martínez -Pepe de Redondela, para unha lexión de amigos- e onte o restaurante do castelo de Soutomaior, onde se fixo case inexpugnable Pedro Madruga, acolleu a unha ampla representación social, cultural e política de Galicia para saudar en comandita o seu paso do ecuador cara unha nova vida cotiá, á que os nosos veciños de Portugal lle chaman axeitadamente "reforma".

Seguro que nalgunha ocasión terá reparado nas columnas que de cando en vez adoita publicar nestas mesmas páxinas, portando sempre o facho da nosa lingua como faro guía das súas palabras. O facho da nosa lingua e o moito que ó longo da historia ten contribuído a nosa provincia e unha boa pléiade dos seus fillos a que esa ligua se manteña viva e, con ela, o facho da galeguidade que dun xeito ou doutro a todos nos guía.

Xosé González Martínez non ten relación filial con Ourense. Sen embargo, ourensáns foron algúns dos persoeiros que marcarían o seu devir na política, na cultura e, en consecuencia, na vida.

Luís Soto, o mestre comunista de Vilanova, que exerceu de secretario de Castelao e levou a cabo inxente cantidade de empresas culturais e políticas dende o exilio mexicano ó que foi condenado pola dictadura (dun xeito moi especial, a revista Vieiros), foi, sen dúbida, un dos principais. Pero tamén Pepe Velo, Ménde Ferrín e outros, forman parte dese carro estelar que lle ensinou a querer a Ourense e, co tempo, a poñer a traballar a súa interminable factoría das ideas a prol de Ourense e, polo tanto, de Galicia.

Proxectos coma a recuperación social e cultural do Couto Mixto, a Irmandade Xurídica Galega, a galeguización do etiquetado dos viños, a introducción do galego en ámbitos tan pouco propicios coma a policía ou a Garda Civil, dificilmente terían visto a luz sen o acicate de Xosé González, contando sempre con ourensáns ó carón, como Claudio Movilla, Carlos Varela, García Mañá. González Ferreiro e outros moitos.

É por iso que se nalgún intre se creara un título “paranobiliario” para eses galegos non ourensáns que son case máis de Ourense có Santo Cristo e as Burgas, ese título tería que lle ser entregado, sen ningunha dúbida, a este vigués de Teis que ten alma de Ourense.

Te puede interesar