Opinión

¿De quen é Castelao?

Hai xa uns anos, cando o debate social e político sobre o plan eólico estaba no máximo punto de ebulición, escribín unha columna neste mesmo espazo na que me preguntaba de quén eran os horizontes, facendo referencia con tal cuestión á contaminación visual que sobre a paisaxe desta terra provocaría aquela anunciada sementeira de muíños polos curutos das serras da enrugada terra galega.

E non é que estivera -nin estea- en contra da denominada enerxía verde, como tampouco estou en contra da enerxía hidráulica e, se me apura, nin sequera da enerxía nuclear, pois son dos que moro na consciencia de que, se queremos vivir permanentemente conectados a trebellos eléctricos non nos queda máis remedio ca producir enerxía e, senón, voltarmos ás covas de Altamira, á serra de Atapuerca ou no seu caso máis achegado ó outeiro de Castromao.

Preguntábame isto porque con iso do plan eólico está moi ben que os beneficiarios directos da instalación dos muíños sexan os propietarios dos terreos onde son chantados os parques, pero logo os afectados somos todos, xa que os horizontes onde se manifesta esa contaminación visual son de aquí e de acolá e polo tanto, todos somos afectados, máis alá da parroquia, da comunidade de montes ou do concello que poida alugar o espazo para a súa colocación.

Pois ben, nesa mesma liña de argumentación, cando se cumpren setenta anos da publicación de "Sempre en Galiza" e o Parlamento de Galicia decidiu lembrar a Castelao para regocixo egocéntrico de Beiras Torrado que volveu atopar con tal motivo unha nova oportunidade para teatralizar outra afronta ou outro desaire -un máis- ó presidente da Xunta (que mal que lle pese é presidente de tódolos galegos), e de interpretar que no punto de ignición dese novo desaire non hai senón unha eclosión sentimental de pertenza respecto da figura histórica de Castelao, a pregunta que eu lanzo tamén ó aire -pero con respecto- é: ¿De quen é Castelao?

¿De quen é o Castelao católico que nunca carta a Luís Soto dicía o seguinte: " Hitler é un intuitivo bárbaro que chegou a conclusións inconcebibles para un home moderado pola cultura cristián"? ¿Dos católicos practicantes?

¿De quen é o Castelao crítico coa República, que nesa mesma carta dixo: "...e despois de salvarnos teriamos que impedir a subida ao Poder de todos cantos gobernaron á República, esquecendo os seus nomes"? ¿Dos republicanos?

¿De quen o Castelao iberista e federal que repetiu ata a saciedade aquilo de "chámannos separatistas e eles son os separadores porque nós non nos queremos separar"? ¿Dos independentistas?

¿De quen é Castealo -repito-, de Xosé Manuel Beiras Torrado, para que só el o poida homenaxear?

Te puede interesar