Opinión

De tinas e caldeiros

Se vostede ten unha mínima querencia por esta columna e de cando en vez lle dá unha lectura cruzada, é posible que teña lido nela máis dunha reflexión crítica respecto da arcaica política turístico-termalista que leva seguindo a cidade das Burgas dende tempo inmemorial (é dicir, tódolos partidos do arco parlamentario), que fai que malia contar cun prezado recurso máis que sobrado (a nada que se afonde un pouco cun cazo en case calquera recanto da cidade abrolla un manancial) as fontes termais continúen a verter cara o río Miño millóns de litros de auga quente cada ciclo diario, sen que os ourensáns lle saquen o máis mínimo beneficio económico colectivo que lle deberían sacar.

De ser así, é dicir, de ter pasado de cando en vez por estas liñas a súa vista, é posible que teña lido nalgunha ocasión a defendida teoría que avoga por pechar literalmente as fontes das Burgas nun camarín, coma se fose o da Virxe do Cristal, de forma que quen desexe achegarse ata el e comprobar se é certo que a auga queima o dedo, teña que pasar primeiro por unha especie de labirinto comercial que lle faga deixar un euro por aquí e un euro por acolá, iso si, con propostas atractivas -loxicamente- pois non se trata de roubar, senón de elaborar un percurso termal o suficientemente atractivo que faga que nos veñan visitar fundamentalmente xentes de máis alá aínda ca de acolá.

Explicado doutro xeito, en canto a auga termal -que aquí temos a caneiro cheo- non sexa transformada nun producto consumible e vendible, xamais Ourense será unha provincia termal, nin o termalismo sosterá a nosa economía turísticas, pois viría a ser algo así coma se no Ribeiro, na Ribeira Sacra, en Monterrei ou Valdeorras tiveran as uvas a ermo para que agora que é tempo de vendima as colleran a gaxos, a cangallos ou a cestos, veciños e visitantes que pasasen a carón dos bacelos.

Pois, non me digan que a fotografía que onte insería este xornal na primeira páxina non é paradigma do que escribo, é dicir, un auténtico monumento á política de palanganas, tinas e caldeiros que as institucións todas levan facendo co producto termal dende tempo inmemorial.

Evidentemente, non vou ser eu quen lle furte ós veciños das Caldas o seu dereito a lavar os pés nos seus propios regatos e a facelo, incluso, en palanganas de Santa Clara ou Sargadelos. Non vou ser eu quen poña en dúbida os alivios que regalan nos xeonllos e a limpeza de pel que deixan sen máis farmacopea. Como tampouco vou ser eu quen critique que sexan eles -os propios veciños- os que se organicen en brigada para facer abrollar o manancial da terra.

Te puede interesar