Opinión

O ídolo caído

A observación máis apurada da obra de Howard Hawks fai de inmediato cachizas o tópico segundo o cal o xenio vai sempre acompañado de conceptos tales como insensatez, loucura, dispendio, autodestrución, incomprensión ou fracaso. Hawks sempre foi un tema incómodo para os historiadores da arte cinematográfica a causa do seu irredutible e inaprensible estilo. Se existe un artista na historia do cine cuxo estilo poida cualificarse de forma absoluta como “invisible”, ese é Howard Hawks.

Foi o que implantou a fórmula de “a cámara á altura dos ollos”, incapaz da menor autoconcesión formal, Hawks é, non obstante, o director dinámico por excelencia. Capaz de brillar en todos os xéneros, excepto no musical, sen dúbida encabuxado co seu cartesianismo radical, Howard Hawks é único por ser capaz de rodar cunha naturalidade abraiante obras mestras da comedia (“Lúa nova”, 1940; “Bola de fogo”, 1941), do western (“Río Vermello”, 1948; “Río Bravo”, 1958; “El Dorado” (1966), do cine de gánsteres (“Só os anxos ten ás”, 1939; “Ter e non ter”, 1944), do cine negro (“O soño eterno”, 1946).

Toda a obra de Hawks está feita sobre a solidez das súas historias e os seus personaxes, tamén dos seus actores. Filmou guións de xente tan boa e famosa (Ben Hetch, Billy Wilder, Dudley Nichols, John Huston, William Faulkner...) que lle supón o maior récord da historia no que se refire a “boas compañías”.

E se tiramos pola beira dos actores ós que dirixiu, o listado aínda é mellor e máis grande: Cary Grant, Humphrey Bogart, John Wayne, Marilyn Monroe, Montgomery Clift, Lauren Bacall, Katharine Hepburn, Gary Cooper, Kirk Douglas, Robert Mitchum, Carole Lombard...

Creador de imaxes sinxelas pero poderosas, non desprezou nunca o valor da palabra, é dicir, que nunca asinaría esa estupidez segundo a cal “unha imaxe vale máis que mil palabras”. A acción e a palabra nunca viviron un romance máis feliz que nas películas de Hawks. Tamén é o rei dos personaxes femininos. Só rodou 40 películas porque foi autor completo, produtor, director e coguionista de todos os seus filmes. Aínda así, foi un dos máis grandes de todos os tempos.

Te puede interesar