Opinión

O meteorólogo

Xa sei que por detrás me chaman O Escalambrón, pero na realidade son Gumersindo Soso Armesto, e por diante, uns, dinme Gume e, outros, Sindo. Eu contéstolle sempre a todos. Mesmo lles contestaba se me chamaran O Escalambrón, pero non se atreven. Nacín nunha vila que non vén ó caso (porque Baños de Molgas é abondo coñecida) e estudei cos curas, naquela época na que se estaba sempre rezando. Agora, aínda que por veces rezo á miña maneira, penso que me volvín bastante ateo. Realicei o servizo militar porque me obrigaron e ó rematar empecei a traballar como especialista meteorolóxico, é dicir, que desde calquera ponte existente na miña vila (a das Cabras, a de Pinouzos, a pasarela das Mestras, a pasarela da desembocadura do río Sor, a pasarela da Ansuíña, a ponte nova, a ponte vella e a pasarela do Muíño) tiña que anotar que o río Arnoia levaba ou non levaba auga. Simplemente iso. Nin tan sequera era necesario que anotase o caudal do mesmo; só se levaba ou non levaba auga.

Despois, para a previsión do parte meteorolóxico, subía ó campanario da igrexa e cuspía para arriba. Dependendo para onde collese o cuspe, sabía se chovería, nevaría, xearía, ventaría ou abrasaría o sol. E segundo a forza con que se desprazase o cuspe, daríame o resultado dos días nos que habería tal actividade climatolóxica.

E a partir da mocidade pasoume como lle pasaba a Camilo Sesto, que sempre me namoraba de quen de min non se namora. Ou sexa, un calvario platónico! Sigo solteiro e, como non, sigo de meteorólogo.

Te puede interesar