Opinión

Que non o fale

Un concelleiro de Vilagarcía proclamou que habla castellano porque me da la gana e que hablaré gallego cuando me salga... Descoñezo se rematou a frase, pero se non foi así aposto que despois dos suspensivos o que quería dicir era de los cojones, porque hai que falar claro e chamar ás cousas polo seu nome. Diríamos que é a expresión dun machote, que ten todo o direito do mundo a falar castelán cando lle peta, que polo que se ve é sempre, e galego cando llo suxire a sua parte máis viril, que se intúe debe ser nunca. É unha forma de amosar preferencias e fobias lingüísticas coma outra calquera, pouco literaria e fina, pero sen dúbida desengañada e diáfana.

Situados na franqueza poderíamos atrevernos a pedirlle a iste home que fale sempre castelán, porque dalle a gana e ten razóns ata legais para empregar o mesmo idioma que outros cincocentos millóns de persoas e no que se expresaron Cervantes, Larra, Castelar ou Delibes, entre tantas outras xentes ilustres. En consecuencia, que non fale galego nunca, pois unha lingua úsase para comunicarse e identificarse co universo que nos rodea, porque nos aproxima e xenera empatía. Falar dende o impulso dos atributos sexuais é unha vulgaridade e unha simpleza que non merece o galego, lingua tamén noble, con millóns de usuarios ó longo da historia dende Alfonso X a Rosalía ou Pondal, de Castelao a Otero Pedrayo ou de Cabanillas a Curros, e que o seu primo-irmán o portugués é falado por máis de douscentos millóns de persoas. (Non entendo porqué os concelleiros do BNG abandonan un pleno por unha cuestión como ésta. Non voltarán se non se fala en galego? Obligarán a que os concelleiros falen en galego? Por qué ise empeño en impor o que só funcionará -se o fai- por convicción e nunca por imposición).

Te puede interesar