Opinión

Abandonados 
na hamada

Uns douscentos mil saharauís viven exiliados dende hai décadas en campamentos no deserto alxeriano, preto da cidade de Tinduf. Poden sobrevivir nunha xeografía tan dura grazas á axuda solidaria internacional, especialmente de Alxeria, de Cuba e dos povos do Estado español. Moitos miles emigraron nas últimas décadas ao resto de Alxeria e outros países. Os descendentes daqueles que non fuxiron cando a colonia foi ocupada por Marrocos e Mauritania, son unha parte importante da povoación no Sáhara Occidental. No territorio reside ademais unha enorme emigración marroquí, como consecuencia dun proceso de colonización alentado e apoiado polo Governo dese país.

En pleno proceso de descolonización decidiuse o futuro do Sáhara Occidental. Os meses de novembro e decembro foron decisivos pra esta colonia española que levaba anos loitando polo dereito á autodeterminación. Nomeadamente, xa en 1958 houbera unha insurrección das tribos nómadas do territorio, e en 1973 constituíse a Fronte Polisario, que asumindo posturas progresistas, centraba o seu ideario na conquista da soberanía. No ano 1975, a Marcha Verde auspiciada pola monarquía marroquí con fins expansionistas, a saída dos soldados españois o 20 de decembro, e a retirada do Estado español no mes de febreiro de 1976, abandonando á súa sorte a os saharauís, abriron unha xeira de represión e exilio. Sendo verdade que a morte de Franco, o 20 de novembro, xerou incerteza nos dirixentes do réxime, todo fai pensar que na rápida retirada e cesión xogaron máis intereses. A Guía do Terceiro Mundo fixo a seguinte valoración: “Un acordo asinado en Madrid cede a Marrocos e Mauritania o territorio, traizoando as aspiracións do pobo saharauí nunha decisión que non atopa paralelo en toda a historia do colonialismo na África”.

Despois da ocupación marroquí e mauritana, axiña comezou a guerra de liberación, que contou co arroupe de Alxeria. Mauritania desbordada polo confronto retirouse do territorio aos poucos anos, sendo a súa área anexada por Rabat, que contaba co apoio norteamericano. A guerra continuou ate 1991, ano no que se asinou un acordo entre o Polisario e máis Marrocos polo que se faría un referendo, controlado pola ONU, no que se decidiría o futuro da colonia. Isto non foi posíbel porque Rabat puxo todo tipo de problemas, especialmente introducindo no censo nómadas marroquís e colonos, a fin de distorsionalo pra que lle foran favorábeis os resultados do referendo. A esta altura, a situación nas Nacións Unidas atópase totalmente bloqueada, xa que Marrocos só quere falar dunha autonomía pra o territorio e a Fronte Polisario esixe que se realice o referendo acordado, pra completar o proceso de descolonización. Rabat conta, pra evitar que o tema avance, co veto asegurado de Francia no Consello de Seguridade, no que ademais podería contar co apoio do Estado español, dada a importancia dos intereses económicos en Marrocos, e a cuestión migratoria.

Non se pode ignorar a hipótese de que grupos islamistas estendan aos saharauís o conflito armado no que están inmersos, ou por parte do movemento independentista tuareg. A construción de muros arredor dos campamentos pra garantir a seguridade é unha primeira medida preventiva neste sentido. Asemade, en non poucas entrevistas cadros medios do Polisario manifestan o seu cansazo, despois de catro décadas de exilio, por este escenario no que “non hai paz, non hai guerra e non hai traballo”. Se cadra por este motivo a dirección do Polisario ameaza con volver ás armas. Porén semella máis unha postura pra premer que unha decisión firme. O contexto internacional e rexional neste intre non semella moi propicio pra unha iniciativa desta envergadura. Sen dúbida o mundo ten unha débeda con este povo abandonado na hamada.

Te puede interesar