Opinión

3.588 nomes a rescatar

A represión


O pasado venres presentáronse os primeiros resultados do estudo ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’, impulsado polas tres Universidades galegas e a Consellería de Cultura. Trátase dun proxecto historiográfico, iniciado no 2006, que pretende medir e definir os marcos da represión da guerra civil en Galicia. Con cifras e datos plenamente contrastados, con rigor metodolóxico, como afirma Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea. Para iso contouse con fontes como o baleirado das causas militares da IV Rexión Militar, de todos os rexistros civís dos concellos galegos, da bibliografía existente (nalgúns casos xa moi exhaustiva como no exemplo ourensán, estudado por Xulio Prada) e dun total de 349 entrevistas orais realizadas en Galicia, Asturias, Cataluña e varios países americanos.


As cifras


Pois as cifras están xa sobre a mesa. 3.588 persoas foron asasinadas entre o 18 de xullo de 1936 e o 1 de abril de 1939. A inmensa maioría nos tres primeiros meses da guerra; logo, en novembro de 1937, cando cae a fronte de Asturias, houbo outro pico de vítimas. Delas 77 eran mulleres e 3.501 homes. Outro dato significativo é que o 53 por cento delas (1911) foron asasinatos extraxudiciais, sen ningún tipo de proceso polo medio. O 28 por cento (1001 persoas) eran operarios e artesáns; outro 27 por cento (985) pertencían ás clases medias e profesionais; un 13 por cento (472) eran labregos; e o 7 por cento (245), mariñeiros. A represión cebouse nas clases máis pobres e tamén nos líderes republicanos das clases medias.


Por cidades


O marco urbano ofrece estes datos: en Vigo houbo 347 asasinados; en Ferrol, 262; na Coruña, 258; en Ourense, 71; en Pontevedra, 68, e en Tui, última cidade ocupada polas tropas franquistas, 58. Un total de 240 vítimas morreron en prisión. As idades tamén teñen un abano moi amplo: dende unha nena de 11 anos que morreu por unha bala perdida no barrio de Lavadores (‘a Rusia chiquita’) ata un home de 84 anos que morreu no cárcere de Sarria.


3.588 vidas.


Vidas cortadas na súa plena madureza: moitos dos executados estaban por baixo dos 45 anos. Vidas que representaban o mellor do réxime republicano, dende as súas autoridades (moitos mandos militares ou o alcalde socialista ourensán e o gobernador civil do Ourense republicano) ata humildes carpinteiros ou labregos. Todos aqueles que tiveron responsabilidade coa Frente Popular foron duramente castigados: tal era a consigna explícita do xeneral Mola e de todos os alzados contra a República. Velaí case catro mil vidas (esa é unha cifra posible cando remate este estudo) frustradas e negadas: é ben xusto, cando menos, restituír agora os seus nomes, a súa memoria e a súa plena dignidade.



Te puede interesar