Opinión

Mandela, o preso 46.664

Noventa anos. Puxo o nome de Soweto no mapa e pasou 27 anos no cárcere: con ese número, o do preso 46.664. Hai anos estaba na lista dos máis perigosos terroristas, por loitar contra o racismo e a democracia, e hoxe a súa antiga cela é cita turística de peregrinación laica. É o nome que encarna a loita contra o apartheid. Recibiu en 1993 o premio Nobel da Paz xunto con F.W. de Klerk, o último mandatario da Sudáfrica racista que tamén deu os pasos necesarios para poñer punto e final a décadas de segregación racial implantada xa polos colonizadores holandeses.


Pero Mandela é moito máis que iso. Querido polos seus concidadáns, que lle chaman Madiba, título honorario reservado ós maiores da tribo, Mandela non é só un líder antiracista e da negritude. É en realidade un líder mundial pola liberdade e a dignidade humanas, comparado con Gandhi e situado entre as grandes personalidades do século XX, ese tempo en que foi perseguido e encarcerado: foi posto en liberdade no ano 1990.


Un símbolo. Mandela é ademais un símbolo necesario para África. Tan necesario para un continente que só aparece nos noticiarios asociado ás catástrofes e novas negativas: guerras tribais, fames e epidemias, o xenocidio da SIDA, a extrema pobreza, etc. Todos os días temos novas de líderes africanos asociados ó horror das ditaduras militares: dende o estrafalario Idi Amin ata o presidente de Sudán, Al Bashir, agora condenado pola Corte Penal Internacional por crimes de guerra en Darfur, ou dirixentes corruptos e criminais como Robert Mugabe, aferrado ó poder coas armas e a mentira ós seus 84 anos en Zimbabue. Mandela é a outra África, que tamén existe, a que aposta pola liberdade, a democracia e o desenvolvemento. A que sabe que África merece outra esperanza. Non é fortuíto que no seu discurso do 90 aniversario Mandela se centrase na cuestión da pobreza: A pobreza aínda afoga a nosa xente. Se es pobre, non é probable que vivas moito tempo. A fronteira económica é moito máis poderosa que as liñas que debuxamos nos mapas: basta ver as cifras do PIB per cápita, das dúas bandas do Mediterráneo (acaba de celebrarse un cumio euromediterráneo). Países como Marrocos, Mauritania ou Exipto teñen cifras do PIB por baixo dos dous mil euros, Alxeria un pouquiño máis. Da outra beira, a rica Europa ofrece datos moito máis alentadores: 22.300 euros en España, índices maiores en Francia ou Italia.


En galego. Todos os anos visítanos estudantes universitarios de todo o mundo que asisten a cursos de galego nas nosas Universidades, na de Compostela ou na de Vigo. Varios deles estiveron estes días en Allariz, croatas, eslovacos, norteamericanos, curdos, palestinos, etc. Todos se declaran encantados co noso idioma e a nosa cultura. Moito máis que outros galegos aquí nacidos que renegan de calquera sinal de identidade. Que andazo padeceremos neste país?

Te puede interesar