Opinión

PAN POR PAN

Bonanza. Poucas vivencias teñen a forza de impregnar a memoria como algunhas da infancia. Asocio eu a volta do colexio cun engaiolante bolo de pan que contiña no seu interior unha onza ben grosa de Chocolates Chaparro. Gustábame tanto que lle daba a onza para abaixo para que durase máis o pracer saboroso. E como melodía de fondo, unha musiquiña atractiva e un mapa ardendo polas beiras mentres asomaban o bo de Ben Cartwright, o patriarca viúvo da Ponderosa, e os seus tres fillos. Falo de ‘Bonanza’, marca da miña xeración. Neste verán puiden ver algúns capítulos, nas mañás da TVG, con certo temor: co arrepío de asomarme ó pasado e encontrar decepción onde houbo felicidade. Pero o paso do tempo non estragou o mito. Con tramas sinxelas, ben articuladas; personaxes ben construídos, bebendo nas fontes do western clásico. Con xeito. Un produto moi agradable.



Te puede interesar