Opinión

O Paseo

É bó e desexable que as cidades teñan puntos de referencia, espazos de encontro. A nosa Auria ten sorte nisto e dende sempre marcou os perfís dunha identidade ben definida: as Burgas, a Catedral, o Miño e as pontes, o Posío, o Montealegre, etc. Nesa identidade ocupan o seu lugar tamén os espazos de sociabilidade e poucos tan relevantes no noso caso como o Paseo ou a vella Travesía de nomes franquistas cando se sacou esta foto, supoño que anterior a 1968 (non se construíra aínda a Torre de Álex Reinlein).


A vista está tomada diante do actual edificio do Hotel Padre Feijoo e aí mesmo perdemos, velaí a imaxe, outro fermoso edificio patrimonial. Daquela a rúa non era peonil pero a circulación era escasa, como amosa ese Renault 4/4 e unha vella moto en solitario. O Paseo é a canle do río da vida, escribiu don Vicente en 1960, en ‘El Orense perdurable’. Eran os tempos da chica ye-ye de Conchita Velasco, de Carmen Sevilla e de Karina, pero non sei se Risco gustaría desas melodías.


Hoxe as músicas son outras, pero o Paseo segue aí, tesouro fiel de vellas lembranzas.



Te puede interesar