Opinión

Republicanos galegos

República. Publicado polo Ateneo Republicano de Galicia, chégame o libro ‘República e republicanos en Galicia’, da man do seu coordinador, o historiador Emilio Grandío. Este libro colectivo agrupa 11 traballos: algúns enchen baleiros historiográficos; outros son sínteses útiles de diferentes perspectivas. A primeira parte do volume segue unha orde cronolóxica e abrangue o estudo dos grupos e líderes republicanos en Galicia dende a época de Isabel II ata 1936. A segunda parte escolle a perspectiva temática e ocúpase das relacións co republicanismo do movemento obreiro, da escola, da prensa e das mulleres, cunha última entrega sobre o exilio republicano en México. Grandío esculca a andaina dos dous grandes grupos da Segunda República: a ORGA, de raíces galegas, e o Partido Radical, ámbolos dous con semellantes bases sociais (o PR con maior peso no mundo agrario). A ORGA, logo IR, abaneou cara a esquerda e rematou na Fronte Popular. O Partido Radical, acubillo de clientelas anteriores, na busca do centro, acabou nunha posición moi conservadora. O PR rematou desaparecendo meses antes da guerra. Dalgún xeito, os electores pensaron: de imitar á dereita, preferimos a dereita de sempre.


A prensa. A prensa daqueles anos non foi neutral. María Carme Pérez Pais estuda a posición do xornalismo a través de catro grandes diarios do momento. O máis relevante era ‘El Pueblo Gallego’, da man de Portela Valladares, cuns 30.000 exemplares de venda. Foi un gran proxecto de xornal republicano, galeguista, democrático, laicista e reformista. Coas mellores firmas do galeguismo e das letras do momento. O que máis atención prestou ós problemas galegos e máis apoiou a campaña en pro da Autonomía. Outros, como ‘La Voz de Galicia’, apostaron por unha República de orde, centrista, e vían no Partido Radical unha alternativa ata que se esfarelou no propio poder. Na dereita conservadora e antirrepublicana estaban entón Faro de Vigo, moi antiautonomista, e ‘El Ideal Gallego’, totalmente en mans da Igrexa, foi un dos máis reaccionarios do momento. Xornais que non acataban as reformas modernizadoras do novo réxime: nin sequera aceptaban o divorcio que, escribían, desamparaba ás mulleres.


Lideratos. Outros traballos inciden na forte ligazón entre republicanos e sociedades agrarias dá abondo datos o historiador Luis Giadás e a figura de Basilio Álvarez subliña esa realidade. Pero o mesmo se podería afirmar de nomes máis vinculados ó galeguismo como Ánxel Fole, Carlos Maside ou o mestre ‘Ben-Cho-Shey’, todos eles cunha presenza republicana anterior ó seu compromiso co Partido Galeguista. Velaí o pouso, nas raíces do republicanismo, do papel dos mestres e das Escolas Laicas: diso fala Antón Costa e subliña a relevancia nos lideratos republicanos no noso país de intelectuais cunha forte relación coa emigración americana, como emigrantes eles ou como exiliados. A prensa, a escola, os líderes, foron creando un substrato cultural no que xermolaron os mellores valores republicanos: a democracia, o ideal da convivencia en liberdade e tolerancia.


Te puede interesar