Opinión

Van Dongen Os costumes

Moito cambiaron os costumes e xeitos de vida digamos nos últimos 90 anos. Por exemplo, Castelao vai a París en 1921, a estudar a arte europea e volve escandalizado ó ver como as ‘couples’ se bicaban con descaro na rúa á luz do día. Lembra isto Xavier Castro na súa historia da vida cotiá en Galicia. Nesa época había por estes lares as profesión de ‘dama de compañía’ e dela quedaron algúns restos literarios. Era o que vimos chamando unha ‘carabina’ que acompañaba á moza noiva e casadeira para que o mozo non tivese ningunha ocasión de sobrepasarse. Nos anos da ditadura de Primo de Rivera unha muller anunciábase para esa función nun xornal e daquela cobraba dúas pesetas diarias polo desempeño. Adoitaba ser unha solteirona de familia ben vida a menos. Pasarían aínda anos, cunha guerra polo medio, para que a muller conquistase o seu dereito a saír soia á rúa.

Te puede interesar