Opinión

SABEDORÍA

Cursaba eu daquelas o que hoxe sería segundo da ESO cando O Chino, por someterme a proba, vai e lánzame: Tú que eres un tío listo porque eres un rapá estudiado, tes que contestarme ó que che pregunto, e pénsao ben antes de contestar ¿Qué es saber y no saber? Polas súas primeiras palabras, esperaba eu unha pregunta tipo ríos de España, capitais de Europa, partes dunha flor; e mira co qué me saía, cun galimatías sen xeito. Pensa, pensa, ?animábame el. Pensa, pensa, ?insistía cada pouco. Pero a min non se me ocorría nada. Dándome por vencido, e nada máis que por dicir algo, contestei cunha tautoloxía de ocasión: Saber é saber, e non saber é non saber. Para a miña sorpresa, e pola expresión da súa faciana, non parecía que O Chino tomase como disparate a miña ocorrencia. Teño que dicirche que andiveches moi cerca do asunto. Moi cerca. Atende. Saber es saber cuando se nace, y no saber es no saber cuando se muere. Como eu quedase calado, preguntoume ¿Entendíchelo ou non o entendiches? Asentín coa cabeza. Sabía que o entenderías porque eres un rapá listo. Que naide nos oiga, pero ti yeu somos os máis listos do pobo. Que eiquí haiche moito ignorante. Ía dicirlle que no pobo había rapaces máis listos ca min, pero non me deixou falar. Cala rapá, os máis listos, ¡ti yeu! E levando o índice da man dereita á súa testa repetiu contundente ¡Ti yeu! Co tempo descubriría que iso de que os mais listos do pobo somos ti yeu era algo que o Chino lle dicía a todos e cada un dos veciños, pero sempre que non houbese outras persoas que puidesen oír. Agora ben, había dous títulos de moito rumbo que reclamaba para si e que non accedía a compartir con ninguén: Ingeniero Arquitectónico e Artístico Enciclopédico.


Mais, polo dito, talvez alguén puidese facerse unha idea equivocada do personaxe. ¡Coidado! Que de parvo non tiña nada. Pertencente a una saga de canteiros de moita sona, as súas obras, as dos seu pai, as dos seus irmáns, espalladas por moitos pobos da Limia, seguen a dar testemuña da calidade da súa execución. Iso, como canteiro. Que como albanel, ninguén coa súa rapidez á hora de asentar ladrillos, que mesmo parecía que lle bailasen nas mans, como así o recoñecían, abraiados, todos os seu colegas. Toda a semana ocupada, incluso as mañás dos domingos nos que facía de barbeiro, oficio do que presumía estar sempre á última moda de París. En suma, saberes metafísicos e traballo ben feito.


Que así era O Chino, aparte de boa persoa

Te puede interesar