Opinión

Libros de texto: mirar e non tocar

Hai tempo que os libreiros nos habituamos ao papel de testemuñas de excepción na deriva pola que camiñan os libros de texto, e os outros, nos últimos anos. Trátase dun rol secundario, residual, mesmo poderíamos dicir, a pesar de que historicamente fomos -somos, aínda- coprotagonistas de feito e de dereito en sectores tan sensibles para a sociedade como a educación e a cultura.

Ademais de axentes próximos e implicados no ámbito docente, hai quen esquece que somos empresarios que nos gañamos a vida co noso traballo; sui generis, iso sí, pois compramos unha mercadoría á que outros pón o prezo que habemos de abonar e, tamén, o que habemos de cobrar a quenes se achegan aos nosos establecementos para adquirir libros, no que se nos deixa unha marxe do 25%. Neste escenario, a campaña de inicio de curso supón unha achega extra de ingresos para os libreiros, cos que logo habemos de ir enxugando a humilde conta de resultados do resto do ano.

Se o anterior resultase insuficiente, engadamos o dano causado polas grandes superficies comerciais que usan os libros dos que nós vivimos, como gancho para vender outras mercadorías, converténdoos en produtos reclamo, como o leite ou os polos. Curiosamente, artigos básicos o tres na nosa sociedade aos que a gran política comercial devalúa e ningunea de forma tan inxusta como inmisericorde, pois non existe peor inimigo na estratexia de vendas que ser considerado un mero cebo.

Sería inxusto, ademais de falso, culpar dos males do sector do libro a esas grandes áreas de modo exclusivo. A erosión tense vido producindo aos poucos por culpa de todos, aínda que con máis responsabilidade uns que outros, pois aquí hai que meter a política editorial errática de outrora, que encarecía inxustificadamente os libros, a base de imputarlles como custos algúns gastos de promoción dubidosa.

Logo, as Administracións aproveitaron a crise para manipular aos pais falándolles da gratuidade nos libros de texto. Craso erro que nos introduciu polo camiño equivocado e que nos levou onde hoxe estamos, da man dunha normativa inasumible sobre os bancos de libros de texto. Así, asistimos ao inédito espectáculo de que os libros se aproveiten moito máis que as pezas de roupa; ou aínda peor, que moitos pais sexan capaces de asumir con normalidade o custo das consolas con videoxogos para os seus fillos e pór o berro no ceo pola carestía dos libros de texto.

Digamos que este invento do banco de libros vai producir efectos colaterais contrarios aos desexados, pois a consigna de mirar e non tocar elimina xustamente o que historicamente foi consustancial cos libros: poder subliñar, acoutar ou anotar á marxe para apontoar a adquisición de coñecementos, de forma que a supresión desta práctica na fase de aprendizaxe redúceos a pouco máis que meros obxectos decorativos. Iso, sen contar que quenes entregan libros pagos do seu propio peto nunca terán dereito a que os seus fillos os reciban polo mesmo sistema, mentres se agranda unha bochornosa brecha clasista.

Queda por saber quen se vai a beneficiar desta errática estratexia. Dende logo os libreiros, non; o sistema educativo, tampouco. E o que é peor, a formación dos alumnos, que son os nosos fillos, tampouco. Un dislate.

Te puede interesar