Opinión

O DANIEL

Tén o tipo ia fasquía dun lord inglés. Pese á súa aparencia de formalidade, non podo por menos de lembrar, moi ledamente, a maña que se daba pra cazar 'a lazo' as pitas do patio traseiro dos salesianos, izalas hastra a fiestra do primeiro andar, onde estaba o 'estudio' do noso curso e, chegadas arriba, ceibalas cun preciso corte de coitela de afeitar, co conseginte barullo que facían ó verse abaixo, acompañadas do coro das demais. Isto facía que o tutor mirara pra fiestra, tratando de indagar o sucedido, e atopándose coa 'anxelical' mirada do Daniel, que encollía os hombreiros nun ademán de 'iñorancia' sobor do caso.


Ou daquil reloxio de pulso, sin vidro e cunha saeta soio, a que lle daba córda hastra o tope, suxetando a saeta cun dedo e ceibandoa despois, o que facía que, mentres lle duraba, facía xirar a saeta a gran velocidade, producindo un zumbido semellante o dunha moscarda, intre que nós aproveitabamos pra, mirando a calquer lugar impreciso do teito, dicir ¡alá vai!? ¡alá vai! O mestre, picado pola curiosidade, miraba e remiraba sin ver nada e nós fartabámonos de rir polo baixo.


Tamén xogaba ó billar, praticaba o atletismo, tratando de emular ó discóbolo de Mirón, e tiña a gala ser o millor aluno de Xeografía. Tamén tiña unha bicicleta e unha inseparable punteira de bambú coa que 'cañeaba' moitas veces ó saír do colexio, e que foi o inicio da súa 'carreira' de 'pesco' famoso que foi e que inda é.


É un 'manitas'e un home ordenado e metódico onde os haxa, como amosaba no arranxo, construción e adaptación de canas e carretes de pescar, do que poden dar fé moitedume de 'pescos'ourensás e mais tamén a súa finca do Pereiro, onde precura, con todo mimo, froitas e hortalizas sementadas cun orde e perfeución que mesmo parece militar e inxertos feitos con precisión cirúrxica.


Do seu sentido do humor, con ribetes 'británicos', pode dar fé unha das mais celebradas anéudotas de pescadores coñecidas, e que tén no seu haber. Un lus no que estabamos falando no departamento de pesca de La Región, do que era responsable, dos motivos polos que non poideramos ir as troitas, o día anterior chegou un amigo común que acostumaba a recuncar sempre no mesmo tema, e dixo: '¡Hola! amigo Daniel, ¿colliches moitas onte?'.Como queira que, fora a que fora, a cantida de que dixera o Daniel sempre era superada polo outro, xa il esaxeraba un chisco bó. Así que foi e díxolle: 'Noventa e catro'. O amigo, nin curto nin pregizoso, respostoulle: 'Ganeiche. Collín noventa e seis'. Estivemos un pouco de conversa e, ó marchar o amigo, díxome o Daniel todo serio: 'O caso diste é incrible. Soio unha vez na miña vida collín mais troitas ca il, e pra iso, foi porque falou il primeiro'.


É un home bó e xeneroso ié meu amigo. Unha aperta, amigo Daniel.

Te puede interesar