Opinión

O XOGO DO “DOMINӔ EN OURENSE

Hastra a década dos cincuenta, pouco máis ou menos, nunha sociedade que tiña no xogo da “chave” o deporte máis praticado, é lóxico que os intres de lecer estivesen concentrados nos xogos de “salón” e nos de “mesa”. Dentro distes, as mulleres adoitaban praticar con máis empeño as “damas”, “parchís” e a “oca”. Os homes, con relativamente poucos xogadores de “damas” e moitos menos de “xadrez”, tiñan máis porcentaxe de afeizón ós xogos de naipes e de “dominó”.

No que atinxe ó “dominó”, bótase bén de ver a afeizón que había porque cáseque todalas mesas dos bares e cafés eran de mesado de mármore, as indicadas pra xogar ó mesmo e onde se atentaba contra a saúde dos oídos dos clientes, por mor do ruído orixinado polo golpeo das fichas, polo “donaire”que se empregaba. Da cantidade de xogadores tiña que saír, por forza, una certa e abondosa calidade, da que podo acompañar un ilustrativo exemplo. Coñecín a un viaxante de comercio, valenciano e gran afeizoado ó “dominó”, que me dicía que il sempre coidou que Valencia era o lugar do mundo onde máis e millor se xogaba a iste xogo. Seica ista teoría véuselle a terra cando chegou a Ourense e víu o que eiquí había. Tan impresionado ficou que cando tiña que traballar a plaza precuraba alongar o posible a estadía, pra ter máis tempo de ver xogar. Chegou a vir de vacaciós pra poder adicarlle máis tempo a súa diversión preferida. Dicía que, pra un afeizoado coma il, Ourense era algo así como a “Capela Sixtina” do “dominó”.

O acostumado era xogar as consumiciós, na primeira partida, que podía ser “a cara de can”, ou a dúas das tres millores, coma no tenis. Despois, podíase seguir na mesma ou xogar á “garrafina” ou o “chamelo”, onde se xogaban cartos. Dos cafés máis adicados a istes xogos, lembro especialmente o Imperial, en Capitán Eloy, e o Peña, na plaza do Ferro. As partidas “de catro” eran as que amosaban o talento, ou falla dil, dos xogadores. Pódese dicir que había grandes xogadores -e moitos que creían selo- na maioría dos estabelecementos onde se xogaba. Mais, pódese dicir, sin medo a trabucarse, que o “millor do millor” concentrábase no Café Cantante La Bilbaína e no Café Madrid, ambolos dous na mesma beirarúa da rúa do Paseo.

Dos xogadores que eu coñecín, había dous que salientaban por riba de todolos outros: o Camilo Liz, entrenador de fútbol da Ponte, e o Fernan do “Agudo”, da Villa Valencia. Eran moi similares salvo nunha cousa: o Liz, cando unha xogada podía decidir o trunfo do xogo ou, tal vez, da partida, parábase, recreaba mentalmente o proceso das xugadas, analizaba e decidía. Si había posibilidade, era raro que a non aproveitase. O “Agudo” facía o mesmo, mais a velocidade supersónica polo que era, sin dúbida, o millor. O Mario “xordo” Fábrega, campeón de “billar” e un dos millores xogadores de “dominó”, dicía que non era posible avaliar o que daba de si a cachola do “Agudo” no que atinxe a iste xogo.

Sin menospreciar a ningún, eu gorentaba moito xogando con, ou vendo xogar, o Liz io “Varelita” da Ponte. En Ourense, coa súa infinda calidade e cantidade, a parexa mítica cáseque imbatible, era a formada polo “Agudo” io “Xordo”. Polas noticias que teño, don Camilo Liz aínda vive, afortunadamente, nunha capital andaluza. Pra il, desde eiquí, un entrañable saúdo.

Te puede interesar