PERSONAXE DO DÍA

Noemí Vázquez Nogueiras: “Os galegos deberiamos ter a opción de estudar portugués no instituto"

Noemí rexenta o local "A Arca da Noe", dende onde promove a música e a cultura con concertos e obradoiros durante todas as fins de semana do ano

Noemí Vázquez, no seu local de Vilar de Santos.
Noemí Vázquez, no seu local de Vilar de Santos.
Noemí Vázquez Nogueiras: “Os galegos deberiamos ter a opción de estudar portugués no instituto"

Noemí Vázquez, "Noe" para os seus achegados, é de sobra coñecida na comarca da Limia. Rexenta o local "A Arca da Noe" dende onde promove a música e a cultura con concertos e obradoiros durante todas as fins de semana do ano. Será, ademáis, unha das organizadoras da oitava edición do festival gratuíto Portugués Perto, que se celebrará os días 12, 15 e 16 de marzo no Campus de Ourense e que pretende achegar a cultura e a lingua do país veciño aos estudantes da provincia. 

Cómo xurdiu a idea de organizar este evento?

Foi cando eu estaba dando clases de portugués na Facultade de Turismo, pois estudiei Filoloxía Galega e Portuguesa, e decidimos facelo para promover o uso deste idioma na Universidade. 

Que tipo de actividades terán lugar neste festival?

Ademais de música, haberá un obradoiro para mostrarlle aos alumnos de empresariais as posibilidades que teñen no resto do mundo sabendo falar galego. Tamén teremos unha xuntanza de música tradicional e de bailes tradicionais portugueses, e foliada con diferentes grupos de Ourense. Non faltarán os contacontos. 

Por que cre que é importante promover a cultura lusófona entre os xóvenes de Ourense?

Na miña opinión, o galego e o portugués son a mesma lingua. Por este motivo penso que é importante aproximarnos máis ao país veciño e, ao mesmo tempo, que veñan músicos lusófonos aquí. Temos aí Brasil e Portugal con centos de miles de falantes, hai que darlle importancia e recalcar a utilidade deste idioma. Nós temos o galego e, a partir del, podemos aprendelo moito mellor e ter a oportunidade de ir a Lisboa e comunicarnos de xeito correcto. Por este motivo tamén penso que sería interesante que nos institutos houbese máis aulas de portugués. 

Precisamente vostede no seu local conta habitualmente con cantantes do outro lado da raia. 

Si, e non soamente de Portugal, senón tamén de Brasil. Son unha parte moi importante da programación da Arca da Noe. 

Cales foron os artistas máis representativos destes dous países que pasaron pola Arca da Noe nos últimos meses?

Estivo, por exemplo, Luis Caracol, un cantautor de Lisboa, que conta con bastante recoñecemento no seu país. Tamén tivemos en Vilar de Santos á brasileira Catia Teixeira, que fai música tradicional. 

Plantexouse a posibilidade de impartir clases de portugués na Arca?

De momento aínda non, pero é unha idea que temos, xa que hai varias persoas na zona que queren aprender e xa mo propuxeron. 

Que tal a acollida dos eventos que propón dende a Arca?

Están indo moi ben. É certo que hai concertos aos que se achega máis xente e outros menos, pero en xeral sempre hai entre 20 ou 30 persoas, de Vilar de Santos e do resto da provincia.