RECONOCIMIENTO

Hijos de Rivera recibe o premio da Fundación Curros Enríquez

O Padroado tamén aprobou as contas e actividades do pasado ano e perfilou o presente 2017

Os membros do Padroado da Fundación Curros Enríquez, reunidos na Sala Lareira.
Os membros do Padroado da Fundación Curros Enríquez, reunidos na Sala Lareira.
Hijos de Rivera recibe o premio da Fundación Curros Enríquez

Nunha reunión mantida onte polos  membros do Padroado da Fundación Curros Enríquez, resolveuse a concesión do triséximo terceiro premio "Celanova, Casa dos Poetas", á corporación Hijos de Rivera "pola súa contribución á divulgación de Galicia no mundo a través do seu principal produto, a cervexa Estrella Galicia", sobre o que os membros do Padroado destacaron "o exitoso plan de expansión empresarial e publicitario que, dende a empresa coruñesa, levan acometido nos últimos anos" feito que redunda "en que o nome da nosa terra sexa prestixiado e valorado como produto de calidade moito máis aló das nosas fronteiras". 

Na xuntanza na Sala Lareira estiveron presentes representantes do Concello de Celanova, do Consello da Cultura Galega e da Deputación Provincial de Ourense. Xosé Luís Méndez Ferrín, Felipe Ferreiro, Xosé Benito Reza e José María Paz Gago, entre outros, tamén participaron neste encontro no que se aprobaron as contas e actividades do pasado exercicio 2016, abordouse a planificación das actuacións para o presente ano 2017 así como o acordo do orzamento anual. Neste senso, o presuposto previsto para o presente exercicio inclúe unha doazón dun particular que permitirá á Fundación Curros Enríquez a creación dunha brigada especial mediante a que se realizarán traballos de limpeza, mantemento e conservación do patrimonio de Celanova.  
Por outra banda, o mantemento das actuais partidas institucionais garantizará, segundo sinalan dende o Padroado, a atención da Torre de Vilanova dos Infantes, e a asunción da xestión turística de diversos espazos, que reforzarán o papel da Fundación Curros Enríquez na promoción turística, cultural e comercial da vila de Celanova. Nesta liña é importante a iniciativa "Compra en Celanova", que conta, na actualidade, con máis de 110 establecementos adheridos e que ten como obxectivo a dinamización da oferta comercial. 

A fundación chegou en 2016 a 11.000 persoas 

Na reunión tamén se fixo unha valoración das actividades levadas a cabo durante o pasado ano 2016. Destacouse, de xeito especial, o feito de ter chegado a preto de 11.000 persoas. Neste senso puxéronse en valor os actos e servizos que aFundación desenvolveu en diversos lugares como a Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Rosendo ou a Torre de Vilanova dos Infantes. Durante 2016 continuouse  cunha "liña de fidelización" dos centros escolares que escollen Celanova para as súas excursións. Preto de 2.500 escolares procedentes de 69 centros foron atendidos o pasado ano. A Casa dos Poetas acolleu numerosas exposicións, presentacións de libros, concertos, visitas teatralizadas, conferencias e proxeccións, que formaron parte da proposta cultural da vila. Para este ano están previstas novas exposicións temporais, presentacións de libros e obradoiros. n