crónicas do asfalto

De menos a máis

photo_camera Os corredores da San Martiño, durante os primeiros quilómetros da proba disputada onte.

Co obxectivo cumprido de batir o meu rexistro do pasado ano, desfrutei dunha mañá deportiva na miña cidade, co firme desexo de seguir correndo e mellorando

Esperto cedo para almorzar con tempo, só hai néboa no ceo. Pola fiestra diviso un par de corredores facendo quecementos. Unha ducha rápida e ás dez e media xa ando polos Remedios. Sempre impresiona o ambiente e o mar de xente antes da saída. Nos baños do Pavillón unha muller déixanos pasar diante a todas as corredoras. Derradeiros minutos para estirar, xa estamos todos preparados. Vai frío, pero só estou preocupada por este primeiro quilómetro. 

Alejandro Blanco dispara e comeza a carreira. Esta edición hai tal afluencia de participantes que ata que non pasan dous minutos non comezo a moverme de verdade. Intento coller ritmo pronto e para non deixar os fígados pola costa rompe pernas de Xesús Pousa. A Legión ameniza a baixada polas Caldas. Xa foi o quilómetro 1, prohíbome mirar o cronómetro. Coma o ano pasado volve haber grupo tocan á entrada da Ponte Vella. 

Sinto un belisco de morriña no peito, guitarras e cantante entoando o Wonderwall de Oasis, a canción da miña adolescencia. O meu wonderwall particular agárdame na meta na meta con churros, pero agora debo concentrarme. Progreso recíbenos abarrotada. A miña cara incendiada contrasta co branco da miñas pernas, sen embargo vou ben e seguindo co meu plan de carreira. 

Ata a Alameda hai que apretar o paso sen perder paso. É unha rúa que engana, vas subindo todo o tempo. A dosificación é vital nestes quilómetros iniciais, sobre todo se saes dende o caixón verde. Recupero folgos por Tras Alameda, en Doutor Fleming vánseme os ollos ao balcón de casa de meus pais. Quilómetro 3 e xa enfilando Ervedelo cara a Avenida de Portugal. Hai unha moza que vai andando. As ganas de parar poden ser contaxiosas e afástome. O meu reloxo marca os 25 minutos no quilómetro catro, non me alarmo, as pernas responden. Hai un mes mareábame, non podía seguir se corría máis de 40 minutos. Xente camiñando pola costa de Marcelo Macías, mentres, vánseme os ollos á camiseta do home que levo diante: renderse non é unha opción. Bebo no quilómetro cinco, todo suma. 

O ano pasado cheguei un minuto antes á metade da carreira para desgastarme por completo nos seguintes quilómetros. Aínda non o sei, pero está a piques de pasarme todo o contrario. Manteño o ritmo por Bonhome, eu adianto, outros adiántanme. 

No ir e vir xa estamos no quilómetro seis. Colón e a Praza Maior. Máis música, porén eu só escoito a miña respiración. Lamas Carvajal e a voar polo Paseo. O sol brilla sen quentar á altura do quilómetro oito, o grupo co que vou vanse animando uns a outros. 'Vamos Eli!' Berran Raúl e Cris antes de enfilar a Ponte Nova. Atópome con xente que me deixou atrás nos tres primeiro quilómetros. Vou contenta, síntome ben, miro o reloxo e marca 55 minutos. Non me dá para rematar nunha hora, pero si para darlle un bo bocado ao meu tempo do ano pasado. Mellorar, eu só quero mellorar. Apreto rabiosa á altura do Blanco Amor, quizais antes de tempo. Collo folgos rumbo ás Caldas. Agora é Rubén o que me anima, 'veña Elisa'. 

Elisa e Eli, dúas caras da mesma moeda que brilla polo sol de novembro na derradeira costa da Ponte Vella. Vexo a multitude e algo fai clic dentro de min; acabouse a dosificación. Pónseme visión túnel. Animan, pero non escoito o meu momento. Ábrénse as comportas e esprinto como se me fose a vida. Tempo neto: unha hora, tres minutos e dezanove segundos. Metínlle dous minutos e medio menos á miña carreira do ano pasado. Despois do avituallamento atópome cunha das miña corredoras favoritas, fixo 52 minutos. Considera que é moito, para ela que o ano pasado estaba na maratón de Valencia. A min dánme ganas de facerlle a ola. Poño unha camiseta limpa e abrígome. 

Colocámonos detrás das vallas para ver a carreira dos escolares. Son centauros polo asfalto. Á unha e cuarto tócame facer un quilómetro máis coa nena, este é o último ano que corre cos cativos. Creo que me fai máis ilusión a min correr xuntas que a ela, vela medrar. E marcho a casa coa satisfacción do obxectivo cumplido. Un menos na miña lista, un máis polo que seguir correndo.

Te puede interesar