ENTRE O 2 E O 5 DE SETEMBRO

O Carballiño celebra o 25 aniversario do Festival de Teatro Galego

bye bye honey
photo_camera Imaxe da obra 'Bye bye honey'

O festival mostrará as principais propostas de artes escénicas de toda a Comunidade

O Festival de Teatro Galego, que con carácter anual se celebra no Carballiño, chega neste 2014 á súa 25ª edición e para celebralo reunirá no concello ourensán entre o 2 e o 5 de setembro ás principais compañías das artes escénicas de toda a Comunidade.

Organizado pola Asociación Cultural FETEGA, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Concello do Carballiño, o AGADIC, ABANCA, AXA Seguros, OCASO e Empresa Montañesa, o Festival exhibirá no Carballiño diferentes espectáculos teatrais protagonizados, entre outros, por destacados actores como Ernesto Chao, Celso Parada, Rosa Álvarez, Yolanda Muíños, César Goldi ou Carlos Mosquera.

O Festival contará cunha programación nocturna, dirixida ao público adulto, na que cunha entrada de 8 euros os asistentes poderán desfrutar de montaxes de gran categoría como Bye, bye honey, da compañía Obras Públicas, galardonada con 2 premios María Casares este ano á mellor música orixinal e ao mellor actor secundario (César Goldi). Tamén pasarán polo Auditorio do Carballiño a compañía Lagarta Lagarta, co seu espectáculo O país do Pato Donald, unha reflexión dirixida por Xulio Lago sobre a derradeira estación da vida dun profesor de literatura (Ernesto Chao) que vive os seus últimos días entre a realidade e as lembranzas. E Misterio Cómico, de Teatro do Morcego, será outro dos espectáculos que forman parte da 25ª edición de FETEGA, precisamente no momento en que esta compañía teatral tamén cumpre 25 anos nos escenarios.

O último día, o venres 5 de setembro, pola noite, entregaranse ademais os Premios FETEGA 2014, nunha gala na que Pistacatro deleitará aos asistentes co seu espectáculo de malabares e teatro Impreuna.

O Festival complétase ademais cunha detallada programación de carácter gratuito na súa maioría, diaria e diurna para o público máis novo. Así, Teatro Ghazafelhos, Fantoches Baj, Magín Blanco, Raquel Queizás, A Tropa de Trapo e Martín Camiña ofrecerán diferentes espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar, algún deles incluso específico para bebés, en horario de mañá e de tarde no Anfiteatro e na Casa da Cultura do Carballiño.

Obradoiros de malabares e instrumentos do mundo na praza do Concello, magos e algunha que outra sorpresa máis redondearán a programación deste FETEGA 2014, dirixido pola tamén actriz Josi Lage, actual presidenta da Asociación Cultural FETEGA.

Te puede interesar