XORNADAS AUDIOVISUAIS

O Clube Alpino Ourensán trae ao Auditorio as vivencias e retos dos montañeiros de todo o mundo

As Xornadas Audiovisuais celébranse do 24 ao 27 de novembro. As proxeccións, de balde, serán ás 20:30 horas na sala vermella. Os montes do Perú ou o Himalaia serán algunhas das paisaxes que se poderán contemplar

“Montaña e imaxe”. Esta é a idea das 17 Xornadas Audiovisuais do Clube Alpino Ourensán, que foron presentadas esta mañá no Auditorio Municipal, e que do 24 ao 27 de novembro traerán á sala vermella as vivencias, proxectos e retos acometidos por montañeiros en diferentes partes do mundo. Unha oportunidade, en definitiva, para coñecer as paisaxes da Serra Nevada de California, dos montes peruanos ou do Himalaia indú, entre outras, sen moverse de Ourense. Organizado o Clube Alpino Ourensán co patrocinio da Fundación Florencio Álvarez-María Esteban e coa colaboración do Concello de Ourense, as proxeccións serán ás 20:3o horas na sala vermella do Auditorio con entrada libre e gratuíta.

O GREIM da Garda Civil será o encargado de presentar o contido da primeira das sesións, o día 24, con “Seguridade en montaña”. Na tarde do 25 de novembro, Tino Taín presentará a proxección “John Muir Trail”, unha engaiolante viaxe de 400 quilómetros de trekking polo espazo natural da Serra Nevada californiana. “O John Muir Trail é a primeira ruta de sendeirismo nos Estados Unidos. Os inicios do sendeiro son no tesouro de América, o Parque Nacional de Yosemite, e continúa 400 quilómetros por Ansel Adams Wilderness, Sequoia National Park, King’s Canyon National Park, e finaliza no cume máis alto nos Estados Unidos continentais, Mount Whitney 4.421 m”, tal e como se adianta dende o Club Alpino Ourensán.

O programa continuará o xoves 26 de novembro con “Sarushka no Perú” de Isabel, Mar, Laura, Karina e Tamara, cinco montañeiras galegas que a través das súas pegadas (sarushka no idioma quechua) compartirán as súas experiencias durante case un mes en terras peruanas. A derradeira das proxeccións desta edición correrá a cargo de Félix Criado e estará dedicada á “apertura dunha nova vía no Thalay Sagar de 6.904 m (Hilamalaia Indú)” en setembro deste ano. Esta montaña “é un obxectivo de primeira categoría para os alpinistas e un lugar venerado polos peregrinos que alí acoden. Admirar o seu cumio foi un dos obxectivos desta expedición que logrou escalalo abrindo a vía Latexos de liberdade”, explican dende o Club Alpino Ourensán.

Te puede interesar