ARTE ET ALIA

Eva Díez e Aida Pascual, dentro e fóra no OF 2016

renacer_de_eva_diez_result
photo_camera Renacer, de Eva Díez.

Un ano xa, e menos mal que chega co Outono Fotográfico 2016 o metereolóxico, que xa tardaba.

Desta volta Xosé Lois Vázquez e Vitor Nieves, os seus coordinadores, no canto de amosar o traballo creativo coa fofografía e dende os fotógrafos, ao tempo que amplían a presenza deste certame non competitivo a Portugal reivindican ás mulleres na edición nº 34. O proxecto do finado Bieito Losada, e colaboradores, dende a Casa da Xuventude, continúa así un ano máis, agora co lema ‘Dentro e Fóra’. Entre nós, en Ourense, deu inicio así con Eva Díez, de Vigo, e con Aida Pascual, burgalesa. A viguesa entrou en Ourense pola porta grande o pasado ano, onde presentou o libro do seu proxecto ‘Renacer’, o recente Premio Galicia de Fotografía Contemporánea; e hoxe está aquí no Mº Municipal con ese traballo, no que une elaboración e concepto, imaxes para ver e sentir, dende a emoción, con lentitude e calma. E tamén desolación. Así estas casas solitarias que pescudou nunha ampla xeografía pola nosa terra, o norte de España ou Italia, e nas que interviu para engadirlle luz, e fotografalas de noite... As casas coa luz son sabor a fogar, e nos tempos vellos cando se dicía que había nunha aldea trinta lumes, sabíase que había familias nas casas, e nelas calor, e pote no lar. Fai agora dous anos chegaba da man do OF/2014 a Ourense con ‘Os que habitan’ (ou ‘Quén vive ahí?’), con animais nun escenario de casas humanas deshabitadas. ‘Renacer’ xurdiu no maxín da fotógrafa nunha viaxe por Pontevedra ao contemplar unha casa baleira e outra habitada. Na fotopoética montaxe, coas que fai textos visuais, recrea un tempo e tamén fai cuestión dende o territorio do simbólico. Este é o territorio Eva Díez de creación, o poético dende o real. 

ARCADIA de Aida Pascual 

‘As cousas que hai na Arcadia/ todos son encantamentos; todos son deuses e deusas,/ faunos dríades, semideuses,/ sátiros, mediocabritos,/ circes, gazmios, Polifemos,/ centairos e semicarneiros’, son palabras do gran Lope de Vega no libro homónimo, cita erudita da exposición. A fotógrafa natural da Castela de Burgos, presenta un acaído traballo fotográfico no que a natureza é parte importante, aínda que complementaria dela. Unha muller é a protagonista, xeneralmente. Vestida ad hoc, representa un papel na que a paisaxe é o atrezo. Consegue así Aida Pascual Benito unha unidade armónica, dun lugar imaxinario que é tanto unha recreación de Carapuchiña Vermella ou do ‘Camiñante sobre o mar de néboa’ coñecida obra do pintor romántico alemán Friedrich, obra de 1818.

Son estes uns territorios utópicos, o natural non contaminado polas pegadas da xente, espazo e tempo dun ideal que se esforzaron en describir poetas e tamén artistas. A expo que foi amosada na vila de Móstoles o pasado ano supón unha reflexión dese fondo desexo que todos levamos no interior dese lugar perfecto de serenidade con personaxes arquetípicas... Arriba Díaz, aquí abaixo, no Centro Cultural, Pascual: elas personifican neste Outono Fotográfico o dentro e o fóra...

Te puede interesar