ARTE ET ALIA

Fernando Casás, capturando o tempo

o_gran_artista,_entre_as_su_as_obras_na_inauguracio_n_result
photo_camera Fernando Casás, entre as súas obras na inauguración.

En 1989 acada o Premio Ibeu en Río de Janeiro con ‘Amazonas, Serie Negra’, ano no que regresa a Galicia. E da man de Xosé Antón Castro Fernández, como comisario de arte chega a Ourense no marco do proxecto Estado Crítico que dirixe o profesor Xosé Manuel Buxán

Muy pronto en mi vida fue demasiado tarde. A los dieciocho años era ya demasiado tarde. A los dieciocho años envejecí’. Comeza así, deste xeito deprimente, ‘L’Amant’ de Marguerite Duras. Este é o poder das experiencias. Eis unha percepción do tempo a escala persoal e transcendente. Outra é a da Terra, que tamén envellece, e desgástase, por máis que poidamos coincidir coa poética dos Eidos de Novoneyra de ‘aínda é nova a terra’, unha mirada dende o lado optimista da vida. Mais, empeñados co estamos en ignorar os síntomas das feridas que lle estamos a infrinxir coas moi agresivas accións industriais, da minería, a dilapidación enerxética e explotación alimentaria, temos que botar man de artistas como o pontevedrés Fernando Casás (Fernando Estarque Casás, Gondomar, 1946), que veñen alertando, dende fai anos, décadas, no seu caso, de que o tempo da Terra se está a esgotar. Dende Brasil onde viviu e traballou, como tantos galegos do sur da Comunidade Autónoma desenrola como un pioneiro do que logo se denominou  Land Art, ou Earth Works/obras da terra, coetaneamente a Richard Long, Walter de Maria e Robert Smithson, unha preocupación artística pola natureza. En 1989 acada o Premio Ibeu en Río de Janeiro con ‘Amazonas, Serie Negra’, ano no que regresa a Galicia. E da man de Xosé Antón Castro Fernández, como comisario de arte chega a Ourense no marco do proxecto Estado Crítico que dirixe o profesor Xosé Manuel Buxán, e que remata con esta exposición a súa terceira tempada.

Así mergullados como estamos nun labirinto informe, unha amálgama na que a paisaxe é duración, pois temos memoria, o artista partindo do tema da destrución do mundo quere construír un proxecto para vivir a posteriori, consciente do esgotamento do planeta, un tema sobre o que está a traballar desde 2005. E dende esta inquedanza, o artista fai esta mostra, ’Materia desvelada’, con catro pezas como situacións creadas polo propio tempo, que envasa para nós, con unha idea da arte como transcendencia. Céntraa Despois de Marte, unha escultura arbórea formada por ramas recubertas de pintura branca e fosforescencia, obra magnética que é para as outras obras como o efecto doppler, o fluxo da auga que arrodea un cisne. Fai con ese título un tríptico de pintura e fume sobre madeira, sendo a terceira tres secuencias fotográficas de `asteroides’, que son en realidade ‘Batatas’, alimento americano que tanta fame ten quitado en Europa nos séculos XIX e XX, produto culinario base hoxe na gastronomía europea. Velaquí o ascenso do humilde tubérculo a categoría, cerne vital, metáfora da vida. A cuarta das obras son os negativos que soterrou na casa do seu pai cando regresou do Brasil e recuperou vinte un anos máis tarde, co que con estes Fantasmas revelados nos pon diante da acción temporal da terra en clave numerolóxica, tres veces sete. O que se mantén, e o que se esvae, neste resto arqueolóxico seu. As árbores como arqueoloxía, nos Monegros, Huesca; e a Memoria do río, escultura de troncos en bronce con árbores vivas, praza que deseña en Pontevedra son suxestión e lección.

Te puede interesar