Médico internista galardoado coa Medalla Castelao

Fernando Diz-Lois Martínez: ‘A sanidade galega está en primeira liña, pero debe reforzar a Atención Primaria’

O doutor Fernando Diz-Lois Martínez, en A Coruña. (Foto: El Ideal Gallego)
Fernando Diz-Lois Martínez (Ourense, 1936), xefe de Medicina Interna no Complexo Hospitalario de A Coruña (CHUAC) e profesor universitario, foi galardoado con unha das Medallas Castelao de este ano. Un día antes de coñecerse esta distinción, recibiu a medalla de ouro e brillantes do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña. As súas raíces ourensás, moi presentes, as plasmará próximamente no seu segundo libro de vivencias.
A pesares de ter coñecido nun prazo de dous días que estaba galardoado por dous prestixiosos recoñecementos (a Medalla Castelao outorgada pola Xunta aos galegos ilustres de cada ano e a medalla de ouro e brillantes do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña), o doutor Fernando Diz-Lois Martínez non abandoa a súa humildade, recoñecida polos seus propios compañeiros que o galardoaron, do que din que ten ‘unha intuición excepcional, de trato cálido a pesares da súa aparente timidez’. Este médico ourensán de recoñecido prestixio, que ademais é profesor na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e o foi da Escola Universitaria de Enfermería de A Coruña, conta cun marcado espíritu humanista, xa que confesa dúas paixóns: a Literatura e a Astronomía.

Como se sinte un despois de ter sido galardoado coa Medalla Castelao?

Foi unha sorpresa, non o esperaba realmente. Sempre penso que hai xente que a podería merecer máis. Eu me sinto profundamente orgulloso de ser galego, sen ningunha connotación especial. Penso que o problema desta terrá é que debemos queixarnos menos e traballar máis, sobre todo para mellorar o nivel cultural do país e facer patria.

E por si fora pouco un recoñecemento coma ese, o Colexio Oficial de Médicos de A Coruña tamén lle entregou por unanimidade a medalla de ouro e brillantes.

Foi un caso realmente insólito, xa que me avisaron primeiro da medalla do Colexio Médico e, ao día seguinte, da Medalla Castelao. A verdade é que penso que é un pouco esaxerado, xa que ás veces os premios provocan un efecto contrario nos profesionais. De tódolos xeitos, é unha satisfacción que os demais compañeiros recoñezan a túa labor.

Os seus compañeiros recoñécenlle a súa labor coma ‘valedor dos médicos residentes’ no CHUAC. A que se debe?

Os residentes dun hospital son os que manteñen a ilusión científica, os que crean un estímulo para seguir investigando e incentivan ao resto de profesionais para superarse. Sen eles, un hospital estaría completamente morto. Os estudantes sempre rexuvenecen á profesión.

Coma profesor universitario de Medicina, como valora a formación actual?

Os hospitais deben depender máis da Universidade, o que significa que debe haber máis estudantes, e durante máis tempo, aprendendo cos enfermos e o resto de médicos. É unha base fundamental para esta profesión.

A Medalla Castelao recoñécelle a súa posta en marcha da Unidade de Corta Estancia no CHUAC. En que consiste?

Foi a primeira que se creou en Galicia e consiste nunha unidade para controlar a masificación e a falta de camas. Así se consiguen estancias curtas a base de dar altas rápidas e seguir os tratamentos e diagnósticos no domicilio do paciente. Agora se lles denomina unidades ‘de alta resolución’. Penso que co tempo todas as unidades médicas deben ser deste tipo.

Por onde debe camiñar a Sanidade actual?

Debe basearse e reforzar a Atención Primaria, que é a parte máis importante do sistema sanitario. Os médicos de familia sempre foron fundamentais, pois son o primeiro ao que acuden os pacientes. Se un médico de Atención Primaria traballa ben, todo funciona mellor. Neste punto tamén é moi importante a posta en valor da Enfermería: cun papel máis activo da enfermeira, lograríase unha menor masificación.

Podemos presumir en Galicia de sistema sanitario?

Absolutamente. A Medicina galega é comparable a calquera do resto de España. Proba delo son a cantidade de congresos especializados que se desenrolan ao longo do ano en Galicia. E hai que recordar que no tocante aos transplantes, estamos en primeira liña.

Que opinión lle merece o Complexo Hospitalario de Ourense?

Estiven precisamente alí o sábado visitando a un amigo ingresado e coñezo a varios pro fesionais. Cos programas de renovación e o famoso ‘Plan Director’ se está renovando bastante e eso se nota nas súas instalacións. E un bo hospital, sempre o foi.

Mantén as súas raíces en Ourense?

Por suposto. Veño moi a miúdo, non estou en absoluto desvinculado da miña terra. De feito, hai uns anos presentei alí o meu primeiro libro, ‘Recuerdos de una ciudad. Ourense’. O meu ourensanismo o levo moi dentro.

Que recordos plasmou nese libro?

As miñas vivencias da infancia, dos anos 50. A miña familia (meu pai tamén foi médico) vivía na rúa Progreso, que sempre se chamou así antes de pasar a ser ‘General Franco’, e recordo os xogos por alí e pola antiga carretera de Trives, que logo foi Capitán Eloy e agora é Concordia. Aqueles recordos os conxuguei no libro con historias imaxinarias. Teño pensado volver a reeditalo en galego.

Algún proxecto en mente?

Sempre ten que haber proxectos mentras haxa vida. Gustaríame publicar un libro similar ao que fixen con Ourense coma tema central, pero esta vez ambientado na Baixa Limia e no Xurés. Alí están as raíces da miña familia e agora, coa declaración de Reserva da Biosfera por parte da Unesco, todos os galegos deberíamos sentirnos orgullosos de contar con este tesouro entre nós. En situacións coma esta, gústame pensar coma un escritor estadounidense ao que admiro, McLays, que en decembro de 1968 publicou no New York Times un relato sobre o voo do Apolo VIII no que dicía que a Terra se vía ‘coma realmente é, pequena e azul’. Con isto quero dicir que Galicia é un puntiño no mundo e que deberíamos contar cunha apertura de miras. Non me gusta que os políticos anden perdendo o tempo discutindo sobre tal ou cal nación. É perder o tempo.


Te puede interesar