Coordinadora de Relacións Públicas e Internacionais da XV edición da Mostra Internacional de Teatro (MITEU)

Fina Calleja: “Estou segura de que imos superar os 10.000 espectadores'

Fina Calleja.
Tras case unha semana de espectáculos, cómo valoraría a 15 edición da Miteu?

A Miteu remata 29 de abril. Digamos que agora estamos quentando motores para seguir con este certame que goza de boa saúde, proba diso é o gran interese que tivo a sociedade ourensá nos espectáculos que ata agora organizamos.
Tivemos unha gran resposta coas primeiras obras teatrais a cargo de compañías e aulas teatrais ourensás como Cordelia ou Sarabela. Asimesmo, o espectáculo que trouxo o grupo de teatro da Universidade Pública de Navarra foi unha grata sorpresa para o público pois fixo reflexionar sobre temas como a liberdade e a vida en prisión. Estou segura de que se seguimos con este éxito de público superaremos a barreira dos 10.000 espectadores.

Que é o que máis destacaría das obras deste ano?
A súa temática social pois participan grupos estranxeiros tanto universitarios como profesionais de países como Palestina ou América Latina.

Que é o que máis destacan as compañías extranxeiras da Miteu?
O feito de que esta mostra é un punto de encontro e de oportunidades para eles. A convivencia con outros actores e compañías é indispensable e a experiencia moi rica pois posibilita o intercambio cultural.

Que é o máis difícil de ser a coordinadora de relacións públicas?
Ocupo este cargo tras pasarme a testemuña Elena Seijo, quen fixo un gran traballo. O máis complicado son os atrasos e os cambios de última hora dos grupos estranxeiros, tanto polos visados como os permisos. De feito, a data de actuación do grupo de Palestina foi cambiada xa que en determinado momento lles pecharon a fronteira. Incluso o tema da dieta dos membros da compañía require o seu esforzo pois sempre hai xente celíaca ou con intolerancia ao glute, con diabete, ou simplemente vexetarianos.

Onde se hospedan actualmente os integrantes das compañías?
Antes facíano no albergue de peregrinos, pero este ano, ao ser Xacobeo, tivemos que hospedar a todos en hoteis do centro da cidade, cousa que en verdade agrádalles pois sorpréndense de ter todo á man, e coa liberdade de desprazarse sen problemas.

Te puede interesar