ARTE ET ALIA

Fotografía de arquitectos e arquitectura

<p></p>

"O certo é que o camiño que nos desvela semella inexplorado e moi creativo"

Expón en Ourense Víctor Enrich, co gallo do Outono Fotográfico 2016 ‘Dentro e fóra’. A súa mostra no Museo Municipal leva por título ‘City Portraits’, un proxecto de 2011 galardoado no festival ‘Encontros da Imagem’, Braga. O salientable deste artista de Barcelona, que trae unha imaxinativa proposta coa arquitectura na base, é que descubrira a súa vocación dende os estudos de arquitecto. Malia concluilos, non foi quen de dedicarse á actividade constructiva, que o seu foi a creatividade virtual dende os entornos do Autocad, coñecementos ampliados con 3D Studio Max. Con todo elo acada uns edificios inverosímiles, estructuras nas que amosa non ter medo ao imposible, imaxes relacionadas con Escher, os deseñadores de videoxogos ou algúns dos máis importantes debuxantes da banda deseñada. Son todas unhas imaxes que traen ata nós uns mundos sub reais que deben moito á súa paixón polo xogo arquitectónico. Parte de edificios reais que fotografía en diferentes ciudades, caso de Roma, ou Riga, en Estonia, país a carón do mar Báltico onde se mudou, e no que descubriu a súa vocación. Viviu tamén en Israel varios anos, no que fixo varias exposicións e que lle deixou unha fonda pegada, como se ve en Ourense. Así ‘Medusa’ que lembra o edificio Viacambre no Paseo, e a suxestiva ‘Mersand’, edificio de cinco andares enriba dun monte do revés, apoiado nun punto, e que se extende coa casa cara o ceo como un fuso. Será unha metáfora de Israel, no medio dun deserto (Negueb)?. A inscripción xudea nun dos toldos dos baixos lévanos alí. Logo da imaxinación posta ao servizo dunha idea, o retoque fotográfico fai o resto neste ‘arquitectoide’, como se ten definido. Dende a súa inspiración as escaleiras ascenden cara o ceo, ingrávidas, e os rañaceos ábrense por unha fenda superior como si dunha palmeira se tratasen. Con un tanto de argumentario crítico, o certo é que o camiño que nos desvela semella inexplorado e moi creativo.

Con Olladas na Rúa na casa de Fermín García de Vázquez Gulías

Hai arquitectos que fan arquitectura, ademáis de construcción. É o caso de Daniel Vázquez-Gulías, quen levanta a casa nº 5 da Plaza de la Constitución, agora o 4 da Praza Maior, logo de que o comerciante Fermín García, de Villalón de Campos (Valladolid), pida Iicencia o 4 de xaneiro de 1909. A súa fachada, sobre arcos sostidos por columnas con cultos capiteis de ar xónico, tres andares con galerías e remates de polícromos azulexos baixo a barbacana que oculta o tellado, que Pablo López Prol, xoven e premiado arquitecto, explicounos con competencia pedagóxica. A esplendorosa entrada, con estucos e azulexos alegóricos, as portas intermedias coas iniciais do seu dono nos cristais, ao igual que na fachada, a escaleira, e ‘a lúa’, patio cuberto acristalado con peche neogótico, a capela contigua con lanterna... todo nos leva aos tempos do primeiro terzo do pasado século. Isabel Cisneros, parente de Fermín, fixo coa súa xenerosidade que a Ollada na Rúa nº 27 resultara inesquecible. O noso patrimonio visibilízase da man do COAG-Ourense.

Te puede interesar