CULTURA - REPORTAJE

O libro-xoia da nena Silviña

O escritor de Vilardevós Silvio Santiago fíxolle un agasallo de comuñón á súa filla en 1960 que agora ve a luz. Camilo José Cela ou Blanco Amor xuntaron os seus versos inéditos nunha obra que se presentará no Liceo da cidade. 

Poemas inéditos de autores como Cela ou Celso Emilio Ferreiro.
Poemas inéditos de autores como Cela ou Celso Emilio Ferreiro.
O libro-xoia da nena Silviña

A nena Silviña sostén nas mans un regalo que é unha xoia, pero aínda non o sabe. Seu pai dille que ten que estar orgullosa, mentres ela sorrí diante dun libro cas cubertas de coiro e detalles na cor do ouro. Tampouco sabe que aqueles papeles brillan máis por dentro. É o 7 de setembro de 1960 e a pequena é Silvia Santiago, filla do escritor e empresario de Vilardevós Silvio Santiago, que acaba de recibir unha ofrenda lírica dos amigos intelectuais de seu pai pola primeira comuñón. Case sesenta anos despois, Afonso Vázquez-Monxardín e Patricia Arias Chachero reúnen os manuscritos inéditos que escribiron para aquela meniña autores coma Camilo José Cela, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro ou Manuel María.

"Son filla única e eu era o máximo para meus pais. Todo o que podían facer para que eu estivese contenta, facíano. Meu pai tivo unha idea única", recorda a destinataria do poemario, do que hoxe coñece ben o valor. "Son cartas entrañables. Meu pai dicíame que era un libro do que ía estar orgullosa".

Co libro da nena na maleta

Silvio Santiago foi primeiro de Vilardevós, pero tamén do exilio en Venezuela, da Coruña e, sobre todo, dos amigos que coma el levaron Galicia polo mundo. "Ao longo da súa vida cultivou con agarimo os amigos e apoiou moral e economicamente as empresas que en prol da Terra emprendían. Galaxia, Penzol, Papeles de Son Armadans...eran asuntos dos que eu oía falar habitualmente na casa mentres el viviu", escribe Silvia Santiago na presentación de "Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde".

Silvio Santiago e a súa muller, Joaquina Conde, xuntaron un par de follas de cor marfil e paseáronas polas citas cos amigos. "Recordo a meu pai sempre co libro encima, cando había reunión de galeguistas pedíalles que escribiran algo para min".  Dezasete nomes imprimen as súas verbas inéditas nesta ofrenda lírica: Otero Pedrayo, Camilo José Cela, Eduardo Blanco-Amor, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza Brey, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Domingo García-Sabell, Xosé Luís Franco Grande e Augusto Casas. 

Camilo José Cela: “A mi sobrina"

Da carta enviada polo Premio Nobel a Joaquina Conde, nai de Silvia Santiago, dedúcese a intensa relación de amizade que se xestou en Caracas. Á nena chámalle "sobriña" e adícalle o poema "Romaxe da Historia Natural": Donicela, donicela,/vincallo do verde val", rezan os primeiros versos. O último, de Blanco Amor e manuscrito en tinta vermella, é un conto para a nena Silvia, que comprendeu máis tarde: "Axeitate Silviña. /Trai no peteiro/ un boliño pra ti, de sangue e lume". Fálalle da primeira comuñón, o acto para o cal o seu pai encargou o mellor recordo da cerimonia, que nun acto de xenerosidade, é agora patrimonio de todos os galegos. 

A presentación do libro será o día 16 de febreiro no Liceo de Ourense. Os editores, Afonso Vázquez-Monxardín e Patricia Arias Chachero, estarán acompañados polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. 


"Reivindícase a figura de Silvio Santiago, un escritor apreciable"


"Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conce no día da súa primeira comuñón" é o título escollido para a recompilación dos poemas que ata agora estaban no seo familiar. "É un libro-xoia que é importante facer público porque son poemas inéditos. Tamén se reivindica a figura do seu pai, que é un escritor apreciable. Espero que algún día se lle adique o Día das Letras Galegas", relata Afonso Vázquez-Monxardín, un dos editores da obra.

A iniciativa xorde grazas á vontade de Silvia Santiago, que hai uns anos doou ao Consello da Cultura Galega os papeis persoais, epistorales, fotográficos e sonoros do seu pai. "É un acto exemplar de preservación da memoria comunal e do patrimonio galego construído basicamente na Galicia exterior. Puxo a disposición da sociedade galega unha parte dese patrimonio", escribe o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, na introdución da obra.

Como explican os editores, trátase dunha obra "feita por amigos da familia, nomeadamente poetas, que colaboran deste xeito nun dos ritos de tránsito vital da nena Santiago".

Ademáis do poemario manuscrito, descóbrese a orixe destos tributos líricos, que eran habituais nos círculos galeguistas. Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, reuniu en 1955 un conxunto de poemas adicados á súa filla, nos que participaran algúns autores da ofrenda a Silvia Santiago. Porén, o pai de Vilardevós que quixo facer o mellor presente á súa filla, convertiuno en algo máis delicado ao reunir poemas a puño e letra.