ENTREVISTA

Manuel Blanco: “Voltarei a Nepal en xuño. Teño que estar alí, sinto que aquí non fago nada"

Á confirmada desaparición do montañeiro Miguel Pizarro, orixinario de O Irixo, tralo mortal terremoto do pasado 26 de abril sumóuselle onte un novo seísmo na zona máis castigada do país.

O profesor Manuel Blanco Luis, en Ourense.
O profesor Manuel Blanco Luis, en Ourense.
Manuel Blanco: “Voltarei a Nepal en xuño. Teño que estar alí, sinto que aquí non fago nada"

Nepal segue a acaparar malas novas. Á confirmada desaparición do montañeiro Miguel Pizarro, orixinario de O Irixo, tralo mortal terremoto do pasado 26 de abril sumóuselle onte un novo seísmo na zona máis castigada do país. Nesta ocasión, o profesor de Vilardecervos (Vilardevós) Manuel Blanco non foi testemuña directa do suceso, como sí acontecera no primeiro deles. Dende a súa terra, os seus pensamentos están co país asiático e coas súas xentes.

Cales son as súas sensacións persoais sobre as últimas novas que veñen dende Nepal?
Ata esta mañá –por onte–, eran esperanzadoras, pero despois deste novo terremoto estou moi preocupado polo que poida pasar. Cando me dixeron que houbo un de 7,4 graos, eu volvín estar alí e sentir o mesmo terremoto. O que máis tira de min é un sentimento de solidariedade e amizade, porque alí hai xente que coñezo dende moitos anos. Normalmente, os afectados son xente da montaña, guías e porteadores, que teñen unha economía moi restrinxida.

Que diferenzas detecta entre a percepción desta traxedia en España e no propio Nepal?
A impresión que me daba é de que se transmitiu todo o negativo, non magnificado porque era tal cal, pero as cousas eran distintas. Había lugares moi afectados, con vítimas en case todas as familias e unhas 400 cremacións diarias, pero tamén había un Katmandú que se ía recuperando pouco a pouco: abrían os supermercados, algún banco, funcionaba algún autobús, e a xente deixaba de durmir nos descampados para ir ás casas. Había una certa esperanza de que a cousa se normalizara, vendo as últimas mensaxes que me enviaban os meus amigos dende alá.

Este xiro radical agrava máis a situación do país.
É unha traxedia. A xente que perdeu a súa casa non a volverá recuperar, e hai aldeas onde aínda non chegou ninguén nas que debe haber de todo. Fálase do val de Langtang, onde había españois, pero Langtang é só unha das moitas zonas de montaña que hai, e para chegar a algunas delas tes que camiñar 10 ou 12 días.

Co paso dos días, foise confirmando o paradoiro de moita xente. Uns sobreviviron e outros non. Ten coñecidos entre as vítimas?
Os meus alumnos salváronse todos e os meus coñecidos tamén, aínda que a algún non lle colleu o terremoto estando nunha das zonas afectadas por uns poucos días. Pero toda a xente que coñecía tiña vítimas na súa familia, pero ninguén co que eu tratase en persoa directamente.

Que é o que máis lle entristece da situación na que está o país?
Os nenos abandonados. Noutra época víanse moitos nas rúas, pero ultimamente estaban a diminuír os casos. Falamos de rapaciños de seis ou sete anos que viven do que poden porque as súas familias abandónannos. Neste momento seguro que hai moitos nenos sen fogar e compaña, e aí é onde habería que intervir sobre todo. Estes nenos non tiñan futuro ningún, máis alá de estar nas rúas inhalando pegamento, sen embargo, nos últimos anos o goberno fixo un esforzo e ofreceu internados. Agora veremos como queda a situación.

Dende aquí fálase de problemas para a chegada da axuda internacional. É así?
Alí non había ningunha información. Estiven falando con xente da Cruz Vermella que me contou que houbo reunións de representantes de distintos países que estaban dispostos a axudar. Tamén falei con membros de distintas ONGs que ían todos os días repartindo cousas polos pobos. Sen embargo, para unha cidade con seis millóns de habitantes como ten Katmandú é moito máis complicado que chegue para todos.

Que debería facer Occidente?
O que debería non sei, pero o que fai é o de sempre. Os 15 primeiros días saen moitas novas, pero Haití segue coma quedou, L'Aquila, en Italia, o mesmo, e incluso Lorca pouco cambiou. Ao principio as imaxes chegan a Occidente e deixan a todo o mundo impresionado, pero despois deixa de ser nova.

Hai uns días relataba que unha das imaxes máis visibles da traxedia eran os centos de persoas acampadas en espazos abertos por medo ás réplicas. Cambiara a estampa?
Supoño que agora volverán, pero a xente empezaba a marchar para casa conforme pasaron os días dende o seísmo do día 26. Os tres ou catro primeiros días estaba toda a xente nos descampados, incluso quen vivía en urbanizacións de alto poder adquisitivo. Ao contrario do que se dicía na prensa internacional, non eran só os que quedaran sen casa os que durmían á intemperie, eran todos, porque ninguén se atrevía a durmir nas casas.

Canto estima que tardará en recuperarse o país?
Non sei. Nepal vive da montaña, un sector que non sei se debería chamarse turismo, e tamén vai moita xente por cuestións relixiosas vencelladas ao budismo ou o hinduísmo. Hai que pensar que os guías e porteadores da montaña non van ter nada do que vivir, xa que alí o 80% da xente non ten aforros e vive ao día. As persoas que viven con menos de dous euros ao día non notan a crise porque a notaron dende sempre.

Que lle dixeron en Vilardecervos á súa volta?
En Ourense xerouse unha certa expectativa, especialmente por parte das miñas amizades, que non entenden os meus desexos de volver. Agradézollo moito, pero sinto que aquí non fago nada, que teño que estar alí. Eu quería ir a principios de xuño, alomenos para rematar o curso e facer os exámenes, e incluso quedar un mes máis se se decide alongar o curso. Despois xa se verá, porque dende o principio tiña previsto dar clase un ano.