TESTEMUÑAS DA MEMORIA

María Oruña, baixo o talento narrativo

"Un lugar a donde ir" é unha novela híbrida, con misterio, acción 
e aventura

María Oruña, ante un dos escenarios que reflectiu na súa novela.
María Oruña, ante un dos escenarios que reflectiu na súa novela.
María Oruña, baixo o talento narrativo

O venres, 7 de abril, tireime ata a media tarde co dilema de a que presentación literaria asistir. Resulta que ese día celebrábanse en distintos lugares da cidade das Burgas tres ou catro presentacións de libros e, para máis aquel, practicamente á mesma hora. Ata a propia muller se deu conta da miña angustia, da miña loita interior. É máis, lembro que fomos andando ata o centro de Ourense e no Xardín do Posío aínda non sabía a que acto iría. Finalmente optei pola presentación do libro "Un lugar a donde ir", da autora viguesa María Oruña.

Certo que sempre estivo no meu pensamento un grao máis arriba das outras presentacións (pero eu son dos que cambio axiña de parecer; nos cines ía con moita antelación para non facer cola ó sacar a entrada e, ó mellor, dous minutos antes de abrir, zas, mandaba a película a tomar vento), digo que estivo un grao máis porque lera no seguimento que lle fixera polo San Guguel que María Oruña xa publicara un libro titulado "Puerto Escondido", que tivera un gran éxito e que xa o traduciran a algúns idiomas estranxeiros, que, por certo, para ser a primeira novela non estaba mal, nada mal. Moitos autores botan media vida para que os lean fóra das nosas fronteiras. A outros nin tan sequera os len no noso país.

Tomada a decisión teño que dicir a día de hoxe que non estou nada arrepentido de asistir ó café El Cercano, porque alí presenciei unha das presentacións máis amenas e máis simpáticas de todas ás que teño asistido. A María Oruña notábaselle que non era das primeiras veces que se enfrontaba ó público. Logo, para máis carallos, era simpática e guapa. Con desenvoltura, con moito xeito fixo as presentacións dos dous compañeiros de faladoiro que a arroupaban (Nacho Guisasola e Lourdes Álvarez, do blog literario Planeta Eris) e, logo, falaría da súa novela e da súa vida. Pero antes foron os seus compañeiros os que debullaron un chisco a novela "Un lugar a donde ir", mesturándoa con "Puerto Escondido". Porque aínda que esta non é unha continuación daquela, si ten ós seus personaxes principais na mesma.

En "Un lugar a donde ir" axiña nos atopamos co talento narrativo da autora e descubrimos ó momento unha historia de ficción moi entretida, pero, iso si, moi seria. Novela híbrida, con misterio, aventura e acción, que reflexiona con pingas de literatura cara á onde nos diriximos. Novela coral con tres fíos argumentais: presente, pasado e reflexións dun personaxe. Os procedementos son reais, practicamente todo está baseado na realidade, aínda que a acción se presente coma un xogo. É unha auténtica potencial viaxe no tempo, con moitas tramas e subtramas. A verdade é que o libro é tan especial que, incrible, xa vai pola segunda edición.

Certo que tanto éxito vén amparado pola súa primeira novela, a citada "Puerto Escondido", que viu a luz hai dous anos, no 2015. Pero, ollo!, antes tirouse máis de medio ano mandándolle correos a todas as axencias literarias do país ata que unha aceptou representala e fíxoo tan ben que axiña lle vendeu os dereitos de "Puerto Escondido" a Destino e a outras editoriais estranxeiras. Aí é nada.

Antes, un chisco antes xa escribira un libro con abondo contido xurídico (María Oruña é avogada laboralista e mercantil), "La mano del arquero", que ben falando sobre a amizade e a maternidade e que tende a explicar que é o acoso laboral e poñendo os medios legais e humanos para enfrontalo. A autora axiña se pasou á novela negra ou de misterio. Colleu dous personaxes principais, a tenente da Garda Civil Valentina Redondo e Oliver Gordon e con eles pódese dicir que empezou todo. Perdón, coa calidade literaria de María Oruña. Agora mesmo xa anda coa terceira aventura desta parella protagonista. E logo xa quere meterse cunha que se desenvolva en Galicia, porque estas dúas últimas están a descubrirnos a comarca de Cantabria (o pai da autora é de alí e desde pequena visita de continuo esa rexión)

María Oruña naceu en Vigo o 25 de novembro de 1976 (41 outonos). Estudou bacharelato e COU no colexio Salesianos da cidade olívica. Pola UNED sacou a carreira de Dereito e exerceu de avogada, primeiro, para entidades bancarias e, logo, para un bufete internacional durante varios anos. Foi tras a súa maternidade cando se lle deu por poñerse a escribir, a pesar de que di que "escribir é unha exposición brutal". Imaxino que porque aí asoma todo o que levamos dentro, creo que é algo así como espirse ante o público, con todo o que isto implica. Documéntase durante meses, fai esquemas, busca e rebusca en moreas de libros e, o máis importante, que é como unha lupa fixándose en todo o que desenvolve ó ser humano, desde os xestos e as maneiras ata as accións e os actos que leva a cabo, porque "saco os personaxes para os libros da vida real". Será unha gran escritora. É xa unha gran escritora.