ARTE ET ALIA

Memoria do vento na antolóxica de Seara

<p></p>
photo_camera Pormenor da sala coa súa obra.

Con debuxos en papel e pinturas, Seara deu en iniciar o seu camiño naplástica coa natureza inspiradora como tema de fondo, e o seu dicir posto na forza que xurde da fraxilidade dela na súa interacción co home.

Entras a ver a exposición de Seara e saes cara a natureza. Todo un sentir... Achégaste ata a floresta, ollas para as enramadas e sintes as súas liñas curvilíneas. Detrás está o ceo, luminoso e neutro. As polas sen follas crean unha vizosa arañeira coas distintas cores que ofrece o artista, e coas que conforma unha vistosa rede diante dos nosos ollos. Non podes pasar, nada se move, mais respiras,… e sen decatarte entras, para afondar no teu interior. Ela é unha construcción mental elástica. Esta é unha das imaxes que, con varianzas, se exhibe ata o 23 deste mes na sala baixa do Centro Cultural da Deputación. Velaquí expresada unha das atmosferas que están a definir nos últimos tempos a ‘Seara’, José Luís Álvarez Seara, o artista pontevedrés de Arcade, que vive dun tempo a esta parte en Compostela e Porto (Portugal). Resistente dos tempos de ‘Atlántica’, Vigo, aquelas mareas vivas para as artes de Galicia, aquel vento no comezo dos anos oitenta que foi un estilo de sermos, e por elo de posicionarnos no noso mundo. Con debuxos en papel e pinturas, Seara deu en iniciar o seu camiño naplástica coa natureza inspiradora como tema de fondo, e o seu dicir posto na forza que xurde da fraxilidade dela na súa interacción co home. Este ben sendo máis unindividuo que se move e pensa, que masa amorfa. Ser individual luminoso e quente, que capta movéndose, emitindo fotóns de cálidas cores, unha das imaxes para nós máis explícitas, polo que ten de simbólica, e tamén polo seu donaire, ou garbo.

Esas atmósferas teñen unha apariencia real, pois son segundo di Seara, paisaxes recreadas. Estas son así fitos dun universo propio, que se achegan á abstracción. A súa obra permite soñar, un soño Hiperbóreo dende as florestas coas cores en perspectiva para sinalar segmentos de espazo. Así esas follas en danza, que expresou en Santiago na tan acaída montaxe do Centro Galego de Arte Contemporánea, un gran pano en dúas paredes. Eis esa idea de conxunto, na que vai implícito o home, coa súa mirada, e a sombra. Velahí o seu interese pola escenografía, dende Bambolinas, amosada no ámbito internacional.

Ten participado en ARCO ou MIART de Milano (Italia), as Bienais de Vilanova de Cerveira ou Lalín, e exposto no Mº Nacional Soares dos Reis en Porto, e nas galerías galegas que fenden o vento coa arte nova, Ad Hoc, Abel Lepina ou Marisa Marimón. Nesta reflexión sobre o movemento, a esencia de Seara, segundo o comisario Edu Valiña, Polípticos de quince obras, e suxestivas formas en desenfoqueque nos achegan á fotografía de Vari Caramés, as pequenas pezas escultóricas, algunasfiliformes…, máis de trinta e cinco anos de ronsel. Para velas, e vermos, viñeron á inauguración Rosalía Pazo Maside, Enrique Tenreiro, Xurxo Oro, Jorge Varela, Rosendo Cid ou Jacobo Bugarín. Hai que achegarse a ver esta exposición equinoccial que fecha en círculo un movemento controlado, e intentar seguir vivindo, pois o vento quere levantarse.

Te puede interesar