CULTURA

Os restos de Rodolfo Prada chegan hoxe desde Arxentina

Restos Rodolfo Prada
photo_camera Pablo Pérez e Luís G. Tosar recollen os restos de Rodolfo Prada, envoltos na bandeira de Galicia.

A Deputación cumpre a vontade do intelectual, expresada pola neta, e acollerao no pazo provincial

Os restos do ilustre galeguista ourensán Rodolfo Prada Chamochín chegarán hoxe á provincia para quedar para sempre, como foi o seu desexo en vida, e como pediu hai unhas semanas a súa neta, María Elena Prada, grazas ás xestións realizadas pola Deputación de Ourense durante a pasada semana na viaxe institucional a Arxentina e Uruguai. 

 Este insigne galeguista, nado nos Peares en 1892 e finado en Bos Aires en 1980, foi o gran valedor de Castelao na Arxentina e o seu albacea testamentario, ademais dun referente do galeguismo e o artífice de unir as asociacións de emigrantes daquela: os centros ourensán, pontevedrés, lucense e coruñés, converténdose en presidente do Centro Gallego de Bos Aires.  Destacou pola súa implicación co Partido Galeguista e, previamente, a súa afiliación ás Irmandades da Fala, en 1917.

A neta estará hoxe na recepción dos restos na Deputación, xunto a representantes de entidades culturais de Ourense e Galicia, ademais do Partido Galeguista, organización na que militou. 
Incialmente, os restos de Chamochín estarán no salón de pleno do Pazo Provincial, se ben se está a preparar a antiga biblioteca  da Deputación para efectuar o seu traslado a ese espazo. 

"Fixemos o que nos encomendou a súa neta. Cumprimos. Rodolfo Parada descansará en Ourense, na súa Galicia amada. Esa era a súa vontade cando se deran dous condicionantes: a democracia e contar Galicia cun goberno de seu", sinalou o presidente da Deputación, Manuel Baltar. Con ambos preceptos cumpridos, o goberno provincial vén de dar ese paso. 

"Será unha data histórica para Ourense. Un patriota como Rodolfo Prada, activista cultural e político como poucos, o gran protector e avalista de Castelao volta a Ourense. Será recibido con todos os honores e poderase achegar que queira durantes as próximas semanas a renderlle homenaxe", concluíu Baltar. n 

Te puede interesar