TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Samuel Gómez, o poeta anarquista

chito_samuel1_result
photo_camera Samuel Gómez, no libro de segunda man "Posío".

Samuel Gómez foi moito máis alá duns simples poemas, sobre todo no plan político

Omeu pensamento furga na memoria buscando o momento exacto no que me atopei cun libriño titulado “Posío”. Sei que aínda era un rapaz. Sei que o tiven nas miñas mans. Sei que era meu, pero, agora mesmo, xa non o atopo por ningún lado. Ó mellor extraviouse definitivamente ou, simplemente, se consumiu. Porque creo recordar que o exemplar que tiña nas miñas mans xa estaba abondo escaralladiño. Tamén me chega a un recanto da memoria que, aquel libriño, non facía constar os datos do autor, máis alá do nome. Polo que non imaxinaba eu que na pequena aldea do meu pai houbese un escritor, un personaxe que alcanzou certa fama na Guerra Civil Española e, seguiu, na posguerra.

Hai pouco, fochicando coma sempre pola Internet na procura de noticias interesantes de ou sobre Baños de Molgas atopeime cun tal Samuel Gómez González, que escribira varias obras poéticas e que dirixira un periódico desde o 1937 ó 1939, en plena Guerra Civil. Que xa ten o seu mérito e, para máis aquel, non comungando Samuel co réxime fascista.

Como curiosidade, comentar que se me deu por publicar polo guasap os preparativos desta reportaxe e axiña me saltou un curmán do País Vasco dicíndome que o pai do tal Samuel (Antonio; a nai era Hermelinda) era irmán da miña avoa Josefa, ou o que é o mesmo, que Samuel Gómez González era curmán do meu pai .

Samuel Gómez González naceu en Nocelo (Baños de Molgas) o 20 de xullo de 1913. Con tres aniños marchou cos seus pais para México e alá estivo ata 1928, ata os 13 anos. Ó volver do outro lado do charco, estudou bacharelato en Ourense e no ano 1933 matriculouse no primeiro curso de Dereito na Universidade de Santiago e ó ano seguinte marchou para Madrid para continuar coa carreira. Na capital do Imperio desenvolveu o seu profesorado no último bienio da Segunda República.

Axiña empezou a escribir poesía e algúns dos seus poemas apareceron publicados no xornal El Compostelano, periódico que se publicou en Santiago de Compostela entre 1920 e 1946. Periódico conservador, que durante a Guerra Civil declarouse abertamente partidario do bando franquista.

Como dicía ó principio, durante a Guerra Civil, Samuel Gómez dirixiu o xornal Galicia Libre, de inspiración anarquista, editado en Madrid entre 1937 e 1939. Órgano da Agrupación de Gallegos Libertarios, apareceu o 20 de setembro de 1937. Publicación, primeiro, decenal e, despois, quincenal. A partir do número 22, ou sexa, a partir do 15 de maio de 1938 pasou a subtitularse Órgano de la Federación de Agrupaciones de Gallegos Libertarios. A comezos de 1939, o xornal trasladouse a Valencia, onde se imprentaron os dous últimos números.

Entre os colaboradores de Galicia Libre estaban José Ledo Limia, Miguel Vázquez Valiño, Luís Chamorro e Manuel Pita Armada, entre outros. Tamén contaron coas ilustracións do gran Manuel Crestar. E, como non, así mesmo chegaban colaboracións desde a emigración galega de América.

Cando rematou a guerra, Samuel Gómez volveu a Galicia para completar os estudos de Dereito en Santiago. Alí montou unha academia (Enseñanzas Gelmírez), pero axiña exerceu a avogacía na nosa cidade das Burgas, onde acabou falecendo nos anos 90. De Nocelo seica tivo que fuxir nunha furgoneta porque algúns fachas (máis seguro que veciños) querían ir máis alá dunha inimizade política, e os “paseos” empezaban xa a imperar por todas as carrilleiras do país. Deixou para a posteridade os libros “En las orillas del Miño” (1956), o citado “Posío” (1956), ó que lle deron o Premio de Poesía Galicia, 1955; “Saudades de Compostela” (1957), “Fe de vida. Poesías” (1977), “Mensaje de paz” (1978), “Sonetos a Carballino” e “Márgenes Atlánticas”. Ó mesmo tempo colaboraba en diversas revistas literarias.

Caída Galicia en xullo de 1936 en mans fascistas, foron numerosos os confederais e libertarios os que conseguiron alcanzar terras republicanas e axiña apareceron batallóns formados esencialmente por anarquistas galegos nas terras máis próximas e a constitución en Asturias da Agrupación Confederal Galaica, que tivo un núcleo forte e organizado en Madrid, ó que pertenceu o noso protagonista.

Empecei a reportaxe deste parente e veciño molgués coa intención de publicitalo como persoeiro literario ou poético, pero segundo fun “perseguindo” a súa vida, a súa carreira descubrín que Samuel Gómez González foi máis alá duns simples poemas, principalmente no plan político. Moito máis alá. Pero iso xa quedará para eses autores que saben moito máis da historia que un simple escritor de relatos curtos.

E xa para rematar, confeso que Samuel Gómez González ben merece un certo “redescubrimento” de xente que soubo e que sabe furgar na vida cotiá de moitos españois durante o confrontación civil do 36 e da posterior posguerra, case aínda peor que a propia guerra. Tivemos en Baños de Molgas un gran personaxe literario e político e nós sen practicamente sabelo.

Te puede interesar