TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Sempre houbo algúns valentes

<p></p>
photo_camera AntonioSear Taboada, á dereita na foto, estivo agochado no faiado da súa propia casa na aldea de Vilela.

Ás veces non se sabe que é peor, se as propias guerras ou os tempos despois.

A Guerra Civil foi unha masacre, un desatino, un despropósito de odios e mortes. Pero a posguerra non se quedou atrás. Quizais aínda fose peor, xa que ó acabar a contenda civil a xente pensaría que xa rematara todo, que habería, iso si, vencedores e vencidos, e punto. Non obstante, ben sabemos que, quen máis quen menos, levamos o demo dentro e deixamos que se bote fóra cando máis nos convén, cando temos o poder, cando vencemos. Asomaron polo tanto as represalias. E aínda que en Galicia a guerra non fose tan cruenta como noutros lugares, a alma humana é practicamente igual en todas as partes do mundo. E os odios. E as envexas. E as maldades. E os desquites. E as vinganzas. Así é que en Galicia tamén houbo os acochados, os chamados “topos” para evitar precisamente todo iso.

Houbo unha familia en Vilela, no concello de Castrelo de Miño, á que lle tocou por partida dobre o asunto dos acochados. Por un lado, estaba Avelina Seara Taboada, que lle levaba de comer ó mestre de San Tomé (aldea a dous ou tres quilómetros de Vilela, aínda que do concello de Cartelle), que estaba agochado nunha pequena mina que había no lugar denominado A Fonteíña, nun lameiro de Avelina.

Por outro lado, entraba en escena un irmán de Avelina, Antonio Seara Taboada, que este non lle levaba a comida a ninguén, senón que lla levaban a el. Era el o acochado, o escondido… no faiado da súa propia casa.

Agora toca poñerse en situación. A imaxe dun home encollido, sen practicamente moverse, con fame e sede (non todos os días Avelina lle podería levar de comer), nun espazo que, ó mellor, nin abarcaría os dous metros cadrados. A imaxe dunha mulleriña percorrendo os catrocentos ou cincocentos metros que había da súa casa á cova, por entre as viñas, e co medo preméndolle o cu e a alma. Ela sabía, todos sabían o que lle podía acontecer a aqueles que lle deran amparo, acubillo ós fuxitivos, ós “distintos”. Distintos dos vencedores, nos actos e nos pensamentos. E así un día detrás doutro. Heroes anónimos que, aínda sabendo do perigo, enchían o peito de valor e tiraban cara á adiante.

A imaxe doutro home, quizais non tan encollido, pero si agachado e con máis perigo aínda que o mestre de San Tomé. Porque o faiado pertencía á casa, e as casas era o primeiro que miraban e remiraban cando a vinganza asomaba no rebulir dos ollos. Ás veces ata as rexistraban en varias ocasións no mesmo día.

Falar desta familia é falar de centos delas que arriscaron a vida por xente que simplemente non pensaba igual que os do bando nacionalista. Sei, sábese que houbo casas nas que o medo xa era cliente habitual. Durante a guerra e logo da guerra. Sei, sábese que houbo heroes silenciosos e mentiráns. Porque tiñan que mentir. Porque o seu home marchara para o Brasil. Porque o seu fillo andaría polo monte fuxido. Porque o seu irmán morrería na guerra a causa dun tiro. Vaia vostede a saber! E o home e o fillo e o irmán estarían ocultos nun faiado, nunha cova, nun buraco dunha parede, debaixo dunha pía ou dunha maseira, enconicado nunha artesa… Tiñan que mentir. Ós vencedores non lles chegou con vencer. Querían vinganzas. E represalias. E torturas. E mortes. Querían meter o medo no corpo. Metíano. Pero aínda así, sempre houbo algúns valentes. Como Avelina Seara Taboada.

Te puede interesar