ARTE ET ALIA

Tino Canicoba, sentimentos
con madeira e cor

<p></p>
photo_camera Detalle dunha das esculturas monumentais.

Oescultor Canicoba abre en Ourense a súa primeira mostra individual na Galería Visol.

Presentouse fai uns días acompañado de amigos que ata aquí chegaron dende diversos puntos da xeografía galega, entre eles os artistas Antón Sobral, Lomarti, Ruth Noemí Lodeiro ou Jorge García-Valenciano. O artista nado en Compostela trae un amplo elenco das súas madeiras, cada vez máis depuradas dende que deu en regresar ás exposicións a finais de 2013, na compaña da pintora porriñesa Chelo Rodríguez. Foron aquelas ‘Reflexións’, esculturas e óleos, o seu renacemento. A madeira tratada en talla directa, desbastando con motoserra, para aplicarlle logo aixolas. Este mesmo proceder repetiuno este ano no faro de Cabo Vilán con Xesús Franco. Publicitario de formación, con estudos de Artes en Zaragoza e na ‘Escuela Pablo Picasso’ da Coruña, comezou a pintar, participou en colectivas e fixo algunha individual. De Girona a Valdepeñas, e por Galicia. Deixao no 2000, ainda que a arte lle tira e participa en certames, finalista no Villa de Madrid e primeiro premio nos de Tui, Lugo e Vigo. Dende a estela de Paco Leiro ou, incluso, de Stephan Balkenhol, Canicoba sitúase nun variado conxunto de artistas que traballan así a madeira, como Enrique Tenreiro ou Álvaro de la Vega, aínda que este sexa menos proclive que os demais a utilizar as cores nas súas obras. Esta é unha das características diferenciais de Canicoba que engade amplos campos de cor nos seus tipos do rural, homes e mulleres que andan e van á feira coa galiña, saen da misa ou van coa palmatoria..., unha sorte de elenco de etnografía cotiá actual, á que se engaden outras figuras, varias delas de corpo enteiro. As de maiores dimensións centran o espazo da galería, sendo elas, as que se achan mellor emplazadas para nós, unha escultura a súa de formar grupos, e deixalas falar, dese modo tan noso. Deixándose ir dende o material leñoso, o artista busca a forma, máis tamén conduce o resultado, con detalles personalizados coas gubias nas caras, retratos que teñen moito de autrorretrato.

En espazo aparte, coloca pezas escultóricas en pedra, mais os resultados son distintos, e distantes. As facetas e ángulos semellan parecidos pero a forza do seu dicir esváese malia a dureza do material. É sen embargo na madeira onde os temas escollidos, os seus bustos e corpos, gañan vida de seu, materia na que Constantino González/Tino Canicoba é quen de insuflarlle un dicir propio, que está a definir nestes últimos anos, unha renacida pulsión plástica que nunco o abandonou, e dende a que quere amosarnos unha reflexión, e transmitirnos o seu mundo con raiceiras. Escultor do humano con unha certa retranca, da vida que ve dende Ponte Ulla, este cidadán do mundo, como temos visto autodefinirse, que gusta da montaña e viaxar en moto, espíritu libre con un corazón que se solidariza coas dores da existencia do común, como fixo en "La puta vida" en Afundación de Vigo fai un par de anos. Aquí segue a transmitir emocións e sentimentos.

Te puede interesar